Ayúdanos a ayudar ¡Suscríbete! Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

De academias e ortografías (e II)

“Moi ben o de ‘se tomó un café solo’/ ‘se tomó un café sólo’, pero… e da ortografía do galego, qué?” “E como vén ser iso de que, malia o Acordo de 1990, poida acontecer que a obra dun José Saramago circule agora mesmo na outra beira do Atlántico en ‘portugués do Brasil’ e non en orixinal?” Velaí que algúns de entre os, sempre moi amables, lectores e lectoras destas liñas semanais se poñen en contacto co cronista para demandarme que explique/aclare cuestións como esas mesmas que encabezan a presente columna. Fareino de contado, nin que dicir ten; mais agardo de veras que a reflexión que xa segue poida servir, chegado o caso, para o debate sereo e nunca para a controversia airada como, infelizmente, xa ten acontecido no pasado.

Son o galego e o portugués un mesmo idioma e, polo tanto, deben compartir normas ortográficas? Con certeza, as respostas a semellante pregunta han de resultar diverxentes e aínda directamente contrapostas. Non obstante, si que cabe considerar que os uns e mais os outros, mesmo sexan reintegracionistas convencidos ou ben resulten isolacionistas confesos, si que todos eles han de coincidir á forza nun episodio común: a fonética de ambos falares devén afastada dabondo e, desde logo, a ortografía actual do portugués –esencialmente aquela que se estableceu coa reforma de 1911 (Gonçalves Viana)–, por máis que procurase respectar até un certo punto a tradición trobadoresca, foi decidirse –como así mesmo acontece no caso do castelán ou do italiano– por preferir sempre, antes que calquera dependencia etimolóxica, unhas formas que se amosen o máis próximas posibles á realidade fonética do idioma. Como xa quedou anotado, o problema radica, daquela, nesoutras características diverxentes do galego. Xa que logo, e só para exemplificar con brevidade: de adoptarmos a ortografía dos nosos irmáns, o que agora mesmo escribimos con “s” pasaría a grafarse, segundo os casos, como “s” ou “ss”: “casa” e “ese” serían, respectivamente, “casa” e “esse”. Aquilo que grafamos con “c” ou “z” debería escribirse, segundo a ocasión, como “c”, “z” ou “ç”: “cen”, “facer” “forza”, “mozo” e “caza” transformaríanse, entón, en “cen”, “fazer”, “força”, “moço” e “caça”. Aquilo que agora dispoñemos con “x” iría dar, de novo segundo cada caso, en “g”, “j” ou “x”: “xente” pasaría a ser “gente”; “xamais” a “jamais” e “caixa” manteríase tal cal. Da súa parte, “pan” tería que ser “pão” (plural “pães”) e “cancións” daría en “canções” (ou “cançóns” ou “cançois”). En fin, a xente do sur do Miño non ten problema respecto do emprego de “b” ou “v”, toda vez que a súa fala distingue dous fonemas diferentes. Trátase, claro é, de algo que non acontece entre nós, xa que a pronuncia de “b” e “v” en galego vén ser sempre a mesma. En consecuencia, “haber” pasaría a ser “haver”, “pobo” daría en “povo” e “probaba” grafaríase “provava”. Chegados a este punto, paga a pena levar a cabo a mudanza?

Desde o reintegracionismo, a resposta devén clara: paga a pena, si, e iso por dous motivos esenciais: o primeiro deles radica en que, “o galego escrito na súa ‘forma internacional’ –é dicir, a ortografía do portugués padrão, e de acordo con esa perspectiva– gañaría de repente un mercado de centos de millóns en catro continentes”. Canto ao segundo apartado, o obxectivo final de adoptarmos semellante dirección ortografía estaría asemade en “resituar o noso idioma no sistema ao que pertence”.

"Os rapaces e raparigas de noso poderían cursar doadamente portugués no ensino"

decoration

Non contamos, desde logo, con espazo aquí e agora para analizar como lle cómpre o segundo episodio citado; porén, e como xa subliñamos ao comezo das presentes liñas e no tocante ao primeiro, a realidade presente é que a obra de Saramago –ou a de calquera outro autor desta beira do Atlántico–, para circular no Río de Xaneiro, ten de ser “traducida” ou “versionada” ao “portugués do Brasil”, así están as cousas. Dito/escrito ás bravas: acontece que ese hipotético mercado de posibles millóns de lectores para os libros redactados en “galego internacional” simplemente non existe; non na altura na que habitamos.

Que facermos, pois? Na estima deste cronista, acaso unha saída do labirinto ortográfico consistiría en que os rapaces e raparigas de noso cursasen portugués no ensino; trátase dunha aprendizaxe relativamente doada e que, sen dúbida, viría aportar novos e prósperos horizontes para a nosa lingua e cultura. Ao tempo, coido que as editoras do país deberían propoñerse en serio a tarefa de venderen os seus libros –en edición portuguesa, claro é– en Porto, Coímbra, Lisboa… En fin; unhas medidas que, en todo caso, nunca nos deberían facer esquecer aquela sentenza –penso que de Séneca– a lembrarnos que non debemos amar a nosa patria porque esta sexa máis grande, senón porque é a nosa.

Compartir el artículo

stats