Segunda Feira

Guerra ou Paz

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

As crebas encadeadas de bancos norteamericanos, e maila suba da alimentación e da enerxía doméstica entre nós, pintan con cores de violencia expresionista a máscara da crise vixente. Percibimos o resplandor das barricadas ardendo en Francia. O desengano e o nihilismo, en concorrencia desordenada, favorecen a maquinación proimperialista. A CIA togada ordena a detención do presidente do máis extenso estado da Terra. A voz de Borrell soa tomada de tanta prédica monódica, en canto Beiras profetiza, certeiro, o xermolar de novos feixismos aquí e acolá. A mesma man que aniquilou Iugoslavia, reduciu Irak e Libia a taifas dependentes de corporacións transnacionais sen rostro. O conflito de Ucraína ten que ser resolto, xa e mediante tratados de paz sinceros. Pero aínda non se lumbriga vía razoábel de concordia.

"Os EE UU lograron destruír a URSS, pero había alí toxos verdes cuxa raíz é moi má de arrincar"

A Paz abriría as portas dun mundo que renuncia á globalización capitalista para asentar a coexistencia pacífica entre estados de sistemas e dereitos diversos. Unha nova orde política internacional, multilateralista, que se estableza sobre alicerces de cooperación garantida. Os EE UU lograron destruír a URSS, pero había alí toxos verdes cuxa raíz é moi má de arrincar. Unha entidade sen alma propia, o MC e a UE, nunca logrou usurpar efectivamente o nome de Europa. Os EE UU tratan de remozar o seu Imperio e isto pode levarnos á guerra mundial. A alianza ruso-chinesa, ampliada a outros estados, grandes e cativos, socialistas ou superviventes do Espazo Non Aliñado, constitúe un obstáculo para a revitalización do imperialismo e este, no seu desespero, pode intentar a hexemonía planetaria mediante unha guerra total, nuclear e indecibelmente destrutiva. Esta guerra non pode ser imaxinada sen a extinción dos humanos no horizonte das posibilidades.

Naturalmente, a resolución do problema podería pasar porque Norteamérica regresase aos seus propios ideais liberadores de 1776. Mais, por sorte, a Historia non pode repetirse, e así nolo teñen aprendido todos os sabios que no mundo houbo. Insistiremos, pois, na Paz, no multilateralismo e na cooperación para a supervivencia da nosa especie. Deste xeito, a Humanidade poderá seguir o seu camiño longo, a súa verea torta, tal coma o poeta deixara escrito con verbas de ouro. Os EE UU consideráronse vencedores da Guerra Fría tras do “desastre escuro” no Leste de Europa. O globo terráqueo converteríase en “unipolar” (ese imposíbel xeométrico) e a loita de clases terminaría para sempre xamais. Ao non ocorrer isto, o Imperio lanzou a ofensiva en curso contra Rusia e contra todo o que se mova no mundo en dirección contraria ás agullas do reloxo de Washington.

Suscríbete para seguir leyendo