De bolina

De academias e ortografías

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

“Se tomó un café solo” e/ou “Se tomó un café sólo”? Que cousa queremos dicir ao certo en cada caso (cando escribimos en castelán, claro é? Habemos/non habemos, xa que logo, de colocar o til sobre o “o”? Que “limpia, fija y da esplendor” a RAE? Coido ben que todos os/as, sempre moi amables, lectores e lectoras destas crónicas han de estar ao cabo da controversia. E é que, frente a aquilo que puidese semellar nunha primeira ollada, as cousas da filoloxía, en xeral, e da ortografía, en particular, non só apaixonan os expertos e profesionais da cousa senón que así mesmo esoutros profanos –por veces mesmo demasiado profanos– na materia non dubidan en participar abertamente no debate: a título persoal –e coñezo casos moi semellantes ao meu–, teño memoria de como certas persoas que tiñan noticia dabondo da miña calidade de doutor en filoloxía, non hesitaron, porén, en discutirme que en castelán e/ou en galego o v de “vaca” soa do mesmo xeito que o “b” de “banco (segundo el(es), acontece que nada diso, monada: a pronuncia guay del Paraguay do “v” vén ser, seica, case como a do “f” de “francés”). Cómpre dicir/escribir, polo demais, que se trata dunha temática que afecta a tutti quanti, e velaí, sen ir máis lonxe, como os, aparentemente moi serios, países xermánicos –e malia o fallo do Tribunal Constitucional alemán a favor da nova normativa e aínda do feito de que a propia Alemaña, Austria e Suíza (non Luxemburgo) asinasen o acordo– non foron quen de levaren aínda a termo a reforma ortográfica de 1996: deste xeito, na Suíza xermánica,a maior parte dos xornais e revistas seguen regras de seu mentres en Austria, os seus cidadáns e cidadás continúan agora mesmo a discutir a cuestión. Da súa parte, na Francia cartesiana e xacobina, as reformas ortográficas prescritas pola Academia en 1936, 1975 e sobre todo en 1990 poden ser observadas ou non polo pobo francés, que ten dereito legal a empregar a vella ou a nova ortografía, segundo lle pete a cadaquén. Máis próximo o exemplo, eis asemade que, a pesar do Acordo ortográfico de 1990, os libros editados en Portugal, para seren aceptados na outra beira do Atlántico, han de ser “vertidos” á forma lingüística daqueles eidos. En consecuencia, e por abraiante que nos poida resultar, o certo é que, por exemplo, a narrativa de José Saramago non circula en Río de Xaneiro ou San Paulo na versión orixinal senón nesoutra “traducida” ao “portugués do Brasil.” En fin, a ortografía inglesa permanece completamente allea no esencial aos cambios na pronunciación dese idioma que se levan producido desde fins do século XV. Atribúenlle algúns a George Bernard Shaw, daquela, a creación da grafía “ghoti” –que se viría pronunciar como se pronuncia “fish”– para ilustrar a desfeita: “gh” como “f”, tal que en “enough”; “o” como “i” en “woman” e “ti” como “x” en “nation”–; sen dúbida, unha simpática, pero absolutamente posible, brincadeira do grande escritor nacido en Irlanda.

“Tal semella que a ortografía ha de procurar a claridade e mais o acceso doado dos falantes dun idioma”

“Compre abeirarse á tradición, que distingue os homes de letras dos ignorantes e das mulleres simples”. Abeirándose a tales argumentos foi como a Academia francesa xustificou no seu primeiro dicionario, 1694, a decisión de optar por unha forma ortográfica etimolóxica tradicional en contra daqueloutra –propiciada, entre outros, polo lexicógrafo e gramático César-Pierre Richelet– que procuraba facer pé na transcrición fonolóxica reformada da lingua. E é que, en efecto, transcribir as palabras dun idioma dunha ou doutra maneira veu responder, en máis dunha oportunidade, non a criterios de claridade e acceso doado por parte da maioría senón, ben polo contrario, a un afán elitista –mesmo narcisista– por parte dun conxunto de autoproclamados “escolleitos” e/ou “gardiáns das esencias idiomáticas.”

Nos nosos días, tal semella que o criterio democrático determine que a ortografía ha de procurar esas, xa citadas, claridade e acceso doado por parte dos seus usuarios, rexeitando calquera presunción esnob e/ou selectiva e para alén de preocupacións arqueoloxizantes. Non obstante, e para alén da imposibilidade dunha forma ortográfica fonética –o número de fonemas e de grafemas pode aproximarse, pero nunca virá resultar o mesmo–, un entende que se debería atender o feito de que son millóns as persoas alfabetizadas nunha norma; de aí que as mudanzas deveñan apenas aquelas estrictamente necesarias para facilitaren a recta comprensión dun texto escrito. Polo tanto, volvendo ao exemplo de “sólo”/ “solo”, a estima deste cronista non pode ser outra máis que esa mesma que vén de definir a RAE, e empregarmos tan só o til cando poida xurdir a confusión no sentido da frase, prescindindo del en todas as demais circunstancias. Pero, vaia, (outros) doutores ten a Igrexa, e tuits a eito o capitán Alatriste.

Suscríbete para seguir leyendo