Voyager

8M

Ledicia Costas

Ledicia Costas

En marzo de 1911 máis de cento corenta traballadoras da fábrica Triangle Shirtwaist, de Nova York, morreron nun incendio. A meirande parte eran mulleres novas, inmigrantes de procedencia xudía e italiana que traballaban nunhas condicións laborais durísimas por un salario miserable. Naquelas circunstancias, ao tempo que un grupo de mulleres sufraxistas pelexaban polo dereito ao voto, outro grupo de traballadoras da fábrica téxtil reclamaban o seu dereito a ter os mesmos dereitos laborais que os seus compañeiros. Malia os rumores que sinalaron directamente a un dos propietarios da fábrica coma responsable do incendio a xeito de represalia polas protestas das traballadoras, tal cousa nunca se puido demostrar.

8M

8M / Ledicia Costas

Contan que as camisas que arderon no incendio eran de cor violeta e que o fume morado cubriu toda a cidade de Nova York. Talvez o violeta sexa a cor da loita feminista por esta razón, ou quizais porque foi unha das cores escollidas polas sufraxistas inglesas no 1908.

Este ano, para min o 8M estivo marcado pola traxedia das nenas iranianas. Para comprender o que sucede é preciso lembrar o asasinato de Mahsa Amini a mans da policía moral iranía (Gashte-Ershad) por non levar correctamente o veo. A policía moral opera desde 1979 e busca “garantir o correcto cumprimento feminino do código de vestimenta islámico imposto pola lei estatal”. Na práctica o que fai é exercer unha represión infame sobre nenas e mulleres. O asasinato de Mahsa provocou numerosas protestas cunha onda expansiva de mulleres que se atreveron a quitar o hiyab o día do funeral, nunha acción que foi o símbolo da protesta. Non é unha reivindicación banal, puxeron as súas vidas en perigo porque sen risco non hai cambio social. Non é moi distinto do que fixeron as traballadoras na fábrica Triangle Shirtwaist cando empezaron a esixir condicións laborais xustas.

"Semella o ano con menos acordo e maior división das últimas décadas e penso no moito que custou gañar dereitos e chegar a acordos"

Nas últimas semanas, centenares de nenas sufriron envelenamentos con gas nas escolas de Irán. O primeiro tivo lugar a mediados de novembro. Este feito replicouse polo menos en 15 cidades do país cunha cifra que xa ascende a 650 vítimas. Semella evidente que estamos ante un método de presión para forzar o peche das escolas nun intento de negar o dereito á educación das nenas. As estudantes acoden ás escolas e, despois de percibir un cheiro intenso e desagradable, empezan a sufrir palpitacións, náuseas ou dificultades respiratorias, entre outros síntomas. Mentres teñen lugar estes envelenamentos masivos, as autoridades son tan opacas coma acostuman e negan o que está sucedendo pasando por alto a evidencia das imaxes das nenas hospitalizadas. Ao tempo que isto sucede no outro lado do mundo, aquí asistimos con abraio ao enfrontamento que provocou a “Ley del sólo sí es sí” toldando o 8M en España. Semella o ano con menos acordo e maior división das últimas décadas e penso no moito que custou gañar dereitos e chegar a acordos. Quero pensar que non todo é tan fráxil como agora mesmo parece porque corremos o risco de quebrar coma unha casca de ovo.

Suscríbete para seguir leyendo