DE BOLINA

Vixiade os ceos!

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

“Keep watching the skies!”, no orixinal inglés. Velaí a apelación, a chamada/advertencia ao mundo –ao “mundo libre”, nin que dicir ten– que, desde a Expedición Polar Seis, na cerna do Pólo Norte, efectuaba Douglas Spencer/Ned Scott no final do célebre filme “The Thing from Another World” (‘El enigma de otro mundo’, entre nós), dirixido por Christian Nyby e Howard Hawks aló por volta de 1951. Non chegou (non chegou aínda) a tanto o actual inquilino da Casa Branca, Mr. Joseph “Joe” Biden –por máis que os boys&girls de Top Gun 3.0 xa relouquen talmente como nenos/as con zapatos novos– se ben que, de a cousa dos globosovni/oviniglobos continuar adiante, de certo que todo se andará. Mais déanme licenza agora Vdes, porén, e antes de proseguirmos no carreiro, para que este seu cronista lles relate un par de pequenas anécdotas persoais absolutamente verídicas.

Corrían os primeiros 60 do pasado século cando, á canda doutros compañeiros de escola –e entre eles, pode dar fe do acontecido, o excelente escritor e mellor amigo, Estro Montaña; ambos somos da mesma quinta, nacidos no mesmo lugar e camaradas de pupitre–, fomos quen, tamén nós, de poñer un globo (de papel) nos ceos mariñáns. Logo de varias tentativas frustradas –que mesmo estiveron por ocasionar a queima do maínzo do meu padriño/avó Dimas na leira de “O Terreo”–, a senlleira pericia de Emeterio “da Fonda” e Manolito, “o das Chaboleiras”, os nosos afoutos líderes, acadou aquela espléndida fazaña. “Estes rapaces son mellores que os Pita!”, berraron, orgullosos/as, algúns dos nosos maiores (no ano anterior, o globo de Betanzos –“envexa dos irmáns Montgolfier”, que escribiu D. Álvaro Cunqueiro– case non puido superar a torre da igrexa de Sto. Domingo). En fin, o ovniglobo foi caer de seu uns dez quilómetros adiante; ningún avión, propio ou alleo, se atreveu a derribalo.

Varios anos máis tarde, nas aforas da Coruña, próximos ao actual parque de San Pedro, e canda doutros dous moi bos amigos: Jose Juan –infelizmente desaparecido– e Rafa Varela tentamos atinxir unha segunda xesta. Daquela, tras fabricarmos un papaventos ‘ad hoc’, e cunha pequena antena adosada nel –antena conectada á súa vez cun aparello de radio, de suposta orixe militar e comprado no singular mercadiño de Santa Lucía– o noso obxectivo consistía, nin máis nin menos, que en tentarmos captar algún sinal de procedencia extraterrestre; cómpre subliñar que por aquelas datas rexistráranse dous ou tres avistamentos de (supostos) obxectos voantes non identificados a manobraren por enriba do Golfo Ártabro. Nin rastro dos tales; iso si, sorte tivemos –era un serán de treboada– de que a ningún lóstrego se lle dese por se dirixir cara o noso trebello.

Podo enxergar o que algúns e algunhas. acaso xa están a pensar: “con semellantes contos do avó Cebolleta, é que pretende talvez, Sr. Pena, que cheguemos a considerar, sequera un momento, que Vde. e/ou algúns dos seus teñen algo que ver coa actualidade dos famosos globos, ou o que queira que resulter ser ao cabo, e que traen de cabeza aos xerarcas de Washington D.C.?

"'Vixiade os ceos!' vs.'Don’t Look Up!' (‘Non mires arriba!’). Devén claro que en Hollywood poden con todo"

Meus e miñas, eu non digo nada. Tan só que xa hai algún tempo que tiven noticia de que Manolito, “o das Chaboleiras”, e por razóns empresariais, viaxa moito á China; o que é máis, pasa temporadas enteiras en Shangai –máis en concreto no distrito de Pudong; coido que por alí está a sede da Comac, a principal compañía aeronáutica chinesa–, Tianjin –centro das telecomunicacións– e Chengdu –terra dos osos pandas–, non sei se... En todo caso, doutores ten a Igrexa; xornalistas lizgairos e axentes secretos, da súa parte, contan os diversos medios e/ou axencias de intelixencia. Pola parte que me toca e seguindo o vello adaxio, quede claro que o que avisa, non é traidor.

Segundo os historiadores –así do cinema como da historia xeralo argumento, e desde logo a chamada final de “O enigma doutro mundo”, han de ser comprendidos dentro do contexto da Guerra Fría –ben quente, naquelas datas, en terras de Corea– e tamén da desatada histeria anticomunista, a sonada“caza de bruxas” do senador Joseph McCarthy. Pois ben; noutra sorte de Guerra Fría –asemade ben quente nestoutros eidos de Ucraína– tal semella que andemos agora mesmo. Xa que logo, pregunto e pregúntome: con Trump ameazando volver, non buscarán Mr. Biden e compañía adiantarse a outra posible, e perigosa, xeira macartista?

“Vixiade os ceos!” vs.“Don’t Look Up!” (‘Non mires arriba!’). Devén claro que en Hollywood poden con todo. Segundo deixou escrito Jules Verne, “nada hai que poida abraiar un norteamericano”. Con certa idade ás costas, coido, á miña volta, que “nada hai xa que nos poida abraiar dos norteamericanos".

Suscríbete para seguir leyendo