Murguía, corresponsal de ‘La Crónica de Nova York’ (II)

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

As fontes de información de Murguía como corresponsal de ‘La Crónica de Nova York’ (1860-1862) son esencialmente hemerográficas. Aproveitando a súa relación cos redactores das principais cabeceiras periodísticas de Madrid accede ao contido de revistas e xornais de toda Europa. Ao longo dos dezaseis meses que exerce a corresponsalía cita un total de trinta e seis cabeceiras. Non obstante as de referencia, polo número de mencións, son ‘El Contemporáneo’ e ‘La Correspondencia entre as hispanas e Le Nord’ (órgano da corte de Rusia publicado en Bélxica) e ‘L’Independance Belge’ entre as estranxeiras; mentres que a primeira lle proporciona noticias sobre o mundo paneslávico a segunda seguía especialmente as noticias do imperio austrohúngaro.

Non obstante Murguía, para esquivar o sesgo ideolóxico marcado polo director de ‘La Crónica’, de defensa a ultranza dos intereses de España en América, utiliza fontes alternativas, entre elas publicacións satíricas e humorísticas como ‘Charivari’, continuadora do mítico ‘La Caricature’, ou ‘El Nene’, ao servizo da Unión Liberal na súa fase expansionista. Non obstante a fonte alternativa máis utilizada serán os folletos, os temibles ‘brochure’ franceses, que será canle de comunicación privilexiada da transición entre ilustración e liberalismo. E foron os folletos os responsables de dous estereotipos políticos do século XIX: se os liberais foron capaces de transmitir unha imaxe de servilismo e docilidade dos absolutistas e monárquicos, estes transmitiron a imaxe de frivolidade e charlatanería dos liberais, frecuentadores de tabernas e café, ociosos en definitiva. Non temos máis que lembrar a carta de Soto Freire a Murguía, guiada por este estereotipo, recomendándolle que non frecuentase o café e os faladoiros que non producían outra cousa que facundia e perda de tempo. Era a carta dun conservador que aconsellaba a un liberal.

“Os folletos son, efectivamente, os que protagonizan o máis intenso debate político en Europa entre 1815 e 1870”

Os folletos son, efectivamente, os que protagonizan o máis intenso debate político en Europa entre 1815 e 1870. Murguía, gran coleccionista de folletos durante toda a súa vida, utilizará esta alternativa comunicativa para tratar determinados temas problemáticos como por exemplo a complexa relación entre o Papa Pio IX e Luís Napoleón Bonaparte, posteriormente emperador Napoleón III. Este longo proceso de enfrontamento iniciado en 1848 e non resolto ata case tres décadas despois, era unha cuestión delicada pola sensibilidade relixiosa, que despertaba sentimentos encontrados entre os católicos. Murguía sempre comenta esta cuestión nas súas crónicas mediante folletos, clandestinos uns e gubernamentais outros. Deste xeito podía permitirse certa heterodoxia no tratamento e atencións que prestaba ao problema onde o que realmente se discutía era o poder temporal do Papa.

Murguía comeza ponderando, adiantándose máis dun século a Roger Chartier e Robert Darnton, o valor político e sociolóxico do folleto –“en Francia todas las cuestiones se inician por medio de folletos”. E comeza a análise do titulado “El Papa y el Emperador”, atribuído aos círculos imperiais por ser consentida a súa difusión ata acadar tres edicións distintas nunha semana. O folleto manifesta o desexo de Napoleón, o novo Enrique VIII según Murguía, de facerse xefe da igrexa galicana diante do que o Papa debe dicidir entre abandonar o Vaticano, onde sempre será Papa ou trasladarse a París onde será un bispo máis.

Poucos meses despois non perde ocasión de atacar de novo a política francesa. Esta vez con ocasión do folleto titulado “España y Napoleón” atribuído a Carolina Coronado no que se denuncia a pretensión francesa de ensanchar a fronteira ata o Ebro. Nesta ocasión Murguía apela ao patriotismo e valor de Sagunto e Numancia, argumentos políticos habituais no parlamento aos que o noso futuro historiador engade, como non, o Medulio galego.

*Académico numerario

Suscríbete para seguir leyendo