Voyager

O falar non ten cancelas

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Alguén comentaba hai uns días as dificultades que ten a xente nova para independizarse e falaban da situación dos prezos do alugueiro en Vigo. Entrei na web de Idealista para facer unha panorámica e os datos do primeiro anuncio que atopei parecéronme sorprendentes. Situación: Centro urbano; prezo: 380 euros ; Área: 25m2; Dormitorios: 0. Ao final do anuncio había unha nota de advertencia: solicítase mes de fianza e seguro de aluguer. Pregunteime como podes conseguir meter a vida (os libros, os obxectos, a roupa) en 25 metros cadrados e, ademais, vivir. Durmindo no salón, nun sofá cama, e prescindindo de case todo, tanto das cousas prescindibles como das que en realidade non o son pero que outra cousa podes facer? Ao final é unha pura cuestión de supervivencia e renuncias para poder adaptarte ao que tes. Cando quixen entrar a ver o detalle das fotografías, o anuncio xa non estaba dispoñible porque o piso fora alugado. O seguinte que fixen foi buscar pisos de 60m2, pensando nun tamaño pequeno para unha vivenda habitual, pero bastante máis digno. Neste rango tan só había unha vivenda dispoñible a un prezo de 500 euros. O salario mínimo bruto interprofesional que se aprobou o martes 14 de febreiro polo Consello de Ministros é de 1.080 euros (8% máis que en 2022), dividido en 14 pagas. No caso de percibirse en 12 pagas, serían 1.260 euros mensuais. Mais estamos falando de cantidades brutas. A isto hai que descontar as deducións polas cotizacións á Seguridade Social, IRPF e outras cantidades que dependen do tipo de contrato de traballo. A subida do SMI, que afectou a arredor de 2,5 millóns de persoas traballadoras, é unha boa noticia. Nos últimos 5 anos tivo lugar un incremento do 47%, mais destinar o 50% do salario a vivenda é ter unha soga arredor do pescozo. Por iso a xente comparte piso, vive en habitacións ou continúa na casa familiar. Cando é un bo momento para independizarse? A resposta debese ser: cando a persoa se sinta preparada, mais en realidade é: cando se poida. Teño amigas que viven en Madrid condenadas a compartir piso ata que se produza a milagre dun ascenso ou dunha oportunidade laboral que supoña un desafogo. Para elas sería un soño pagar 500 euros de alugueiro, nunha cidade onde o prezo medio en 2023 se sitúa en 1.737 euros, conforme establece a web Enalquiler. En Pontevedra o prezo medio colócase en 913 euros. Aquí xa non estamos falando de destinar o 50% do salario á vivenda, estamos falando directamente de que, co salario mínimo interprofesional, non é viable vivir de alugueiro. Que falla no sistema? Non existe unha oferta de vivenda accesible. A escasa oferta dispoñible provocou un aumento dos prezos a cantidades imposibles de asumir. Nesta situación de tensión e precariedade, escoitamos constantemente que se nos fala da escasa capacidade de aforro e do descenso da natalidade. Tamén escoitamos que a xente nova teno agora moito máis fácil do que o tiveron os nosos pais e que o que sucede en realidade é que na actualidade “son cómodos”. E eu, sen atreverme a xulgar como de difícil o tivo a xente no pasado recente, creo que, como di o refrán, o falar non ten cancelas.

Suscríbete para seguir leyendo