Voyager

Liñas vermellas

Ledicia Costas

Ledicia Costas

No 1993, nun cambio de clase, un compañeiro me fixo un comentario moi desafortunado sobre Irene Villa, que o ano anterior perdera as dúas pernas e tres dedos dunha man, vítima dun atentado de ETA. Mireino horrorizada e el alegou que só era un chiste e que eu carecía de sentido do humor. Estabamos en 2º de BUP. Hai uns días, Camilo de Ori foi condenado a 18 meses de prisión por facer chistes en Twitter sobre Julen Roselló, o neno de dous anos que caera nun pozo en Totalán (Málaga), nos días en que o operativo de busca estaba intentando dar co cativo. Naquela altura non se sabía se o neno seguía con vida e as redes sociais enchíanse de burlas. A sentenza que condena a Camilo de Ori, que aínda non é firme e cabe recurso, ten a súa orixe en chíos coma estes: “Cómo has podido caer tan bajo, Julen”, “el niño también podría escavar un poco. Ahí esperando con toda la pachorra”, o “Si es molesto aguantar las obras del vecino, imaginad lo agobiado que tiene que estar Julen con las perforaciones”. O 26 de xaneiro de 2019, cando o corpo de Julen foi atopado sen vida no pozo, Camilo de Ori escribiu a seguinte mensaxe: “Hoy se guardará un minuto de silencio por Julen en todos los campos de golf”. Este caso non é excepcional. Sempre hai quen se alimenta das desgrazas doutras persoas escudándose no parapeto da liberdade de expresión ou do humor. Pero, vale todo no humor? Esta é unha pregunta que me formulo con moita frecuencia. Talvez habería que empezar por definir que é humor. A última polémica ten coma protagonistas ao popular streamer AuronPlay e a Biyin, despois de que Ithasia Suárez, a nai de Yeremi Vargas, desaparecido en Gran Canarias no 2007, relatase como nas redes se facía humor negro co seu fillo, sinalando directamente a Biyin, quen negou todo. De feito, no seu momento houbo unha denuncia que foi arquivada. Sexa como for, Auron Play (parella de Biyin), anunciou un descanso de Twitch de varios días, despois de que empezasen a aparecer tweets do pasado onde a creadora de contido facía apoloxía do nazismo e lanzaba todo tipo de comentarios xenófobos. Biyin defendeuse argumentando que as fotografías onde posaba cunha esvástica eran “unha simple broma feita hai dez anos”. Pero resulta que en Alemaña está prohibida absolutamente a exhibición de simboloxía nazi e isto hai dez anos tiña tan pouca graza como a ten no 2023. Ironizou dicindo “que casualidad que cuando me hago una persona pública salen cosas gravísimas”. A polémica agudizouse despois de que saltase en redes a nova de que Biyin borrou arredor de 30 tweets para eliminar a súa impronta. Non comprendo a impunidade coa que nas redes se pode dicir case calquera cousa a calquera persoa, como tampouco comprendo por que alguén fai chistes sobre Irene Villa, sobre Julen ou sobre Yeremi Vargas porque é humor e no humor todo vale. Todo, agás cruzar liñas vermellas.

Suscríbete para seguir leyendo