Voyager

Vigo, abella da ribeira

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Se eu precisase coñecer algunha curiosidade sobre Vigo, sobre esta cidade colmea que medrou coma unha marea que nunca se detén, falaría con Manuel Bragado. Chamaríao coa certeza de que el custodia a resposta. Ás veces imaxínoo exactamente así, coma a persoa que foi elixida para gardar a memoria da cidade, cunha morea de libros que só el ten, caixas pechadas con chave e frascos coas mil esencias: a do Berbés, a do Siboney nº33, a dos montes de Beade, a do estanco de Maruja no Barrio do Cura, a do parque de Castrelos, a do Mercado do Progreso, a do campo de Balaídos, a de La Favorita... Cada semana, Bragado vai plantando unha semente no seu ‘Campo de Granada’, a sección que este xornal leva vinte e catro anos publicando. Dese campo fermoso agromaron moitas flores. Parte delas foron escolmadas en Vigo, puro milagre, unha sorte de crónicas de corazón vigués que publicou Edicións Xerais en novembro de 2019. A nova colleita ve a luz no volume ‘Vigo, abella da ribeira’. Tomando prestadas as palabras que emprega o propio autor no adral, “é un libro coral que pretende recuperar as voces, algunhas silenciadas, outras esquecidas, de persoas moi diversas que achegaron o seu criterio e entusiasmo, mesmo a súa propia vida, na construción do proxecto colectivo vigués”. Vestido por un prólogo de Fran P. Lorenzo e un epílogo de Oriana Méndez, dúas pezas conmovedoras, ‘Vigo, abella da ribeira’ configúrase coma unha viaxe no tempo, un percorrido onde a guía é a mirada poliédrica do autor. Quen abra as páxinas deste libro verá a través dos seus ollos sabios: os do divulgador cultural, o celtista, o mestre, o editor, o cronista. Segue esta obra a filosofía que considero esencial no ser humano que é Manuel Bragado: procurarlle a luz a quen está na sombra. Atopo unha relación estreita entre este feito e o seu oficio de editor. Cantas autoras publicamos o noso primeiro libro da man de Bragado? É probable que nin sequera el coñeza a cifra exacta, mais somos moitas as persoas que iniciamos o noso camiño no mundo das letras porque nos sacou da sombra, deunos ese anaco de estrela necesario para iluminar a viaxe. Sucede algo semellante con esta escolma. Bragado ilumina, reivindica, lembra, celebra, acompaña. Este verbo, acompañar, é un dos esenciais na configuración da súa personalidade. Acompañaba sendo editor, acompaña sendo mestre e acompaña sendo escritor. Moitas veces, cando leo os artigos de ‘Campo de Granada’ teño a sensación de que Manuel Bragado ve cousas que o resto non somos quen de ver, de que ten unha memoria prodixiosa e o talento de expandir o bombeo desta cidade. Coma se coñecese as entrañas de Vigo, o funcionamento da súa maquinaria máis íntima, o alento do pedramol. Acubillarse nestas páxinas ten moito en común con debruzarse sobre varanda do Paseo de Afonso para contemplar o mar. Case podo escoitar o chío das gaivotas que sobrevoan os tellados. Canto amor hai nestas páxinas!

Suscríbete para seguir leyendo