tRIBUNA LIBRE

Paciencia e docencia

Martiño Riera

Con frecuencia, cando alguén me pregunta a que me dedico, a miña resposta soe provocar sorpresa. Mestre? Menuda paciencia debes ter! Esta reacción non deixa de sorprenderme, non porque non se precise certa dose desta calidade para exercer a docencia, senón porque parece eclipsar outras habilidades das que apenas se fala e que, porén, son condicións sine que non para exercer esta profesión. A curiosidade por aprender, a vocación por ensinar, amais dunha boa dose de intelixencia emocional e social e de sentido do humor, fundamental para xestionar determinadas situacións que a miúdo xorden na aula, conformarían, ao meu modo de ver, unha amalgama representativa das habilidades máis frecuentes nos bos docentes.

En todo caso, e volvendo ao tema da paciencia, quizais non van tan desencamiñados os que destacan a importancia desta “calidade do que sufre”, segundo a súa etimoloxía latina, no mundo da docencia. Mais cómpre puntualizar que, na maioría dos casos nos que precisamos botar man dela, o motivo non son tanto os nenos como os adultos.

Un bo exemplo desta circunstancia prodúcese cando un trata con determinadas familias conflitivas que, aínda sendo unha minoría, provocan máis dunha dor de cabeza cando, por exemplo, cuestionan o noso traballo, a nosa metodoloxía ou mesmo a nosa autoridade perante os nenos.

Ora ben, se existe un momento no que precisamos cargarnos de paciencia, desa resignación saudable da que falaba Aristóteles, é cando nos relacionamos coa Administración. Poderiamos afirmar que a paciencia que un require para relacionarse coas autoridades educativas é directamente proporcional ao papeleo e á burocracia, ou burrocracia, que dende instancias superiores se nos esixe. Cada ano debemos empregar un chisco máis do noso tempo neste tipo de tarefas que, con frecuencia, provocan nun a sensación de estar traballando en balde, en lugar de investir este tempo en tarefas ou formacións realmente útiles para a nosa profesión.

Semella que na escola pública, a pesar dos cambios que con frecuencia se producen, seguimos sen avanzar, sen resolver os problemas serios. Cambian as leis (sen consenso político e, polo tanto, sen visos de perdurar e producir impacto nas próximas xeracións), ademais dalgúns conceptos curriculares, cambian os equipamentos tecnolóxicos e as plataformas de aprendizaxe... Mais o importante segue sen cambiar. Seguen faltando recursos persoais, especialmente para o alumando que presenta algún tipo de necesidade específica. Segue a haber ratios altísimas de ata 26 alumnos por aula, que fan que a atención á diversidade do alumnado, ese slogan que tan ben queda nos preámbulos das leis educativas, sexa pouco menos que unha utopía inalcanzable. Segue, en definitiva, quedando pendente investir no realmente importante.

Namentres o cambio non se produce, seguiremos agardando pacientes, coma Penélope, a chegada do noso Ulises particular. E coma ela, agardaremos fieis a unha idea, tecendo e destecendo os soños deses cativos polos que ben vale a pena sufrir un pouco.