Segunda Feira

Feixismo e mambo

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

A “Obra Sindical de Educación y Descanso”(ED) fundouse canda a vitoria franquista do 36. Reproducía o modelo da “Opera Italiana Dopolavoro” e da “Kraft durch Freude” nazi coincidindo un mundo coa “Federação Nacional para a Alegria no Trabalho” dos nosos veciños. Todo, totalitarismo en estado puro. ED recibiu do Estado franquista o edificio da Patronal de Vigo e adecuouno para “Hogar del Productor”.

Alí, nos anos cincuenta pasados, púxose a funcionar un “dancing” xuvenil no espazo que hoxe alberga a sala de lectura da “Biblioteca Pública Xoán Compañel”. Nas tardes dominicais de inverno dos anos cincuenta, o “Hogar del Productor” recibía moita mocidade popular viguesa que acudía ali para baillar ao son dunha orquestiña que enchía de música tropical, italiana, anglosaxona, aquel ámbito no que Alexandro Bóveda tratara de lle explicar, sen moito éxito, a autonomía de Galicia a armadores e conserveiros. Os nacionalcatólicos locais consideraban estes bailes como ocasións propicias ao pecado, pero tiñan que amolarse. Vigo é así, e xa na poesía de Martín Codax aparecía, no século XIII, un corpo danzante que destacou para sempre no trobadorismo europeo. Nos descansos da orquestra do “Hogar del Productor” a mocidade concorrente soía consumir no ambigú, por vaso de cristal baixo fabricado en Cabral, grolos de un branco achampañado que facían de feituría en Teis so o nome de “Rosal”.

"O franquismo foise polas boas e prolongou moitas das súas mañas, especialmente patronais e capitalistas, no réxime monárquico hoxe vixente en España"

A harka coa que me eu xuntaba, e na que figuraban Maruxa de Coia, Perfeuto, Testa ou Xermade, era de convicións antifeixistas o cal non lle impedía gozar daquelas veladas. Ás dez, ou iso, da noite, a orquestra atacaba unha macedonia de galegadas coas que se apagaban as luces e a xente dispersábase, en tranvías ateigados e cheirosos a gabardina mollada, na dirección dos bairros e freguesías orixinarios de cada quen. En canto a Edmundo, el ía cos seus camaradas á reunión secreta na que se redactaba a revista ilegal La Vespa. O franquismo foise polas boas e prolongou moitas das súas mañas, especialmente patronais e capitalistas, no réxime monárquico hoxe vixente en España.

ED esvaeceuse no ar, por dicilo en verbas de Marx e Engels, levando consigo o “Hogar del Productor” de Vigo. A Joaquín Yáñez 6 trasladáronse os “Almacenes Ferro”, un maiorista de tecidos cuxos propietarios procedían de Vilanova dos Infantes. Tamén termináronse por se ir “Almacenes Ferro” da casa grande de Joaquín Yáñez e instalouse nela a vella “Biblioteca Municipal Jaime Solá Mestre”, agora so o nome daquel impresor Compañel que fixera parte do círculo protonacionalista dos Chaos e de Murguía. Despois de todo o dito, non convén esquencer, o grave déficit arquivístico e bibliotecario que Vigo segue padecendo nos nosos días.

Suscríbete para seguir leyendo