Os camiños da vida

Patronal e galeguismo

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Celebrouse o día do usuario das bibliotecas públicas e nós fixémoslle unha visita á municipal de Vigo. Esta, ben xestionada e localizada no número 6 da rúa de Juaquín Yáñez, leva o nome de Juan Compañel, impresor protonacionalista, e ocupa o mesmo edificio que, en tempos, fora o da poderosa Patronal de Vigo.

Esta institución promovera, nos días da II República, un durísimo lock-out contra os mariñeiros da frota galega. A altura de xuño de 1936, a Patronal convidou o Partido Galeguista a expor nos seus locais as razóns en favor do SI no referendum pola autonomía de Galicia que estaba preparándose. Houbera, daquela, unha animada discusión na cúpula do partido de Castelao. Deberíase ir a aquela tribuna, en principio hostil á nosa autonomía, usando o galego de forma frontal e desafiante ou sería mellor que os galeguistas fixesen uso, por pura táctica, do castelán? Triunfou o posibilismo, segundo teño entendido, e Alexandro Bóveda, que era considerado ao tempo un facendista de alto nivel, compareceu na Patronal e expresouse alí elocuentemente en castelán en favor do SI ao Estatuto de Autonomía.

"Non tardou moito o franquismo en abafar en sangue aquela promesa de autonomía, alén de outras esperanzas concomitantes"

Parece ser que o gran salón da casa da Patronal de Joaquín Yáñez estivo ateigado de público e que foron varios os días nos que disertou Alexandro Bóveda. Destas charlas, que foron seguidas de animado debate, fíxose eco a prensa de Vigo e doutros lugares de Galicia. Non tardou moito o franquismo en abafar en sangue aquela promesa de autonomía, alén de outras esperanzas concomitantes. Bóveda foi levado no balumbo dunha vaga de horror e morte.

Falabamos aquí dun amplo e elegante salón central que desempeñaba a función de lugar de máxima representación na Patronal. Tal dependencia áchase hoxe en perfecto estado, moi ben restaurada, e dedícase a sala de leitura da biblioteca municipal Juan Compañel, de Vigo. Descoñezo o pormenor dos feitos e confeso basearme predominantemente en fontes orais se digo que a Patronal viguesa pasou a ser intervida polo Estado español e as súas instalacións e patrimonio pasaron ao dominio da organización sindical franquista. Así, abriuse en Juaquín Yáñez 6 a delegación local dun centro estatal que se coñeceu co nome de Educación y Descanso. Iniciábase, na posguerra, unha nova etapa deste edificio da cal trataremos posibelmente nunha destas nosas bagatelas.

Suscríbete para seguir leyendo