Francisco Fernández del Riego e a Fundación Penzol

Francisco Domínguez*

O día 7 de xaneiro de 1913 naceu en Vilanova de Lourenzá Francisco Fernández del Riego, a quen a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas deste ano 2023. Coindice esta celebración co 60 aniversario da Fundación Penzol, coa que D. Paco estivo tan identificado. Desde Vigo hai moitos motivos para participar nesta homenaxe a un dos máis eminentes guieiros da nosa cultura e de Galicia, que asentou na cidade olívica despois da guerra civil e se convertíu nun ilustre vigués de adopción. Destacou pola súa entrega á causa da identidade galega, chegando a ser unha das figuras máis sobranceiras da cultura galega dos tempos recentes. Entre os seus cargos debemos salientar o de director da Fundación Penzol, desde a súa constitución no ano 1963 ata finais do ano 2009, a piques de facer 97 anos, de maneira totalmente gratuíta. O grupo da Editorial Galaxia e o bibliófilo galeguista Fermín Fernández Penzol-Labandera decidiron crear esta biblioteca-arquivo, depósito da memoria de Galicia e impulsor da investigación cultural do noso país, para sumala ao labor cultural que se viña desenvolvendo desde a editorial e desa maneira facilitar a realización de estudos para a reafirmación galega.

Instalada no número 24 de rúa Policarpo Sanz de Vigo, Del Riego acudía alí diariamente para exercer como custodio do seu importante patrimonio documental e bibliográfico e como orientador das persoas que procuraban datos sobre algún tema galego. O primeiro que un atopaba, nada máis entrar, era a súa figura petrucial de costas á ventana, sentado á súa mesa de traballo e fumando o seu xaruto diario. Sempre en ectitude de recibir a quen alí acudía. Referíndose á súa identificación coa Penzol ten dito moitas veces que a consideraba como a súa casa. Nos comezos ocupouse de organizar a inauguración do 5 de maio de 1963, anunciándoa na prensa e acompañando ao profesor portugués Manuel Rodríguez Lapa na súa conferencia de apertura. Na vida da Fundación xoga un papel central como figura seria, traballadora, constante no labor, de entrega xenerosa da súa vida á causa galega, contribuíndo de maneira decisiva ao prestixio e recoñecemento como lugar inequívoco da memoria de Galicia. Isto permitiu que os fondos se incrementasen considerablemente con moitas doazóns. Hoxe conta con 47.000 libros impresos, 3.800 publicacións periódicas, 106 títulos manuscritos dos séculos XVII ao XIX, 287 pergamiños dos seculos XII a XVI, unha colección de cartografía histórica de Galicia desde o século XVII e un arquivo de documentos que ocupa uns 150 metros lineais. Del Riego tivo un papel destacado na consecución de fondos importantes como o de Castelao, en conversacións directas con Rodolfo Prada, o de Ramón Otero Pedrayo do que foi un dos albaceas, o de Xohán Vicente Viqueira facendo xestións coa súa viúva, Jacinta Landa, exiliada en México, ou o de Antonio Pérez Prado, médico e intelectual galeguista de Buenos Aires.

A el se lle debe que a Fundación Penzol fose trasladada á Casa Galega da Cultura no ano 1985 mediante un convenio co Concello de Vigo, grazas ao seu valedor, Carlos González Príncipe, correndo de cargo do Concello os gastos de mantenemento das instalación e o persoal técnico. O que supuxo un salto cualitativo para asegurar o futuro e o crecemento da Fundación. Posteriormente, no ano 1995, melloráronse as instalacións e ampliouse o espazo ocupado. Nesas mesmas datas prodúcese a incorporación ao mesmo edificio da Casa Galega da Cultura da súa biblioteca, do seu arquivo e dunha colección importante de obras de arte e cadros, doados ao Concello de Vigo, de cuxa xestión se encarga o mesmo persoal técnico que atende a Penzol.

Del Riego foi durante case cincuenta anos o custodio da misión de afirmación da galeguidade da Fundación, ao servizo de toda a sociedade galega. O seu labor foi tan importante e decisivo que se chegou a producir unha profunda identificación entre el, a Penzol e Galicia. O prestixio e a seriedade de que hoxe goza a Penzol, a imaxe de biblioteca da galeguidade proceden en gran medida del, con quen ten unha débeda impagable. Festexar a Del Riego é tamén festexar a Penzol nos seus 60 anos de existencia e por iso coa súa iniciativa vanse celebrar actos, exposicións e actividades que reflexen claramente unha vida e unha obra de total entrega a Galicia. Loa e agradecemento a manchea para o noso guieiro.

*Padroeiro da Fundación Penzol

Suscríbete para seguir leyendo