Os Camiños da Vida

En Terra de Montes

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

A Xosé Fortes Bouzán, con raíz en Caroi

Parece que, desde tempos suévicos, recibe o nome de Terra de Montes unha porción da actual provincia de Pontevedra na cal, de modo impreciso, se inclúen os termos municipais de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Forcarei, A Lama...Algunhas parroquias da Boa Vila de Pontevedra, coma Xeve, Bora, Mourente, Marcón ou Tomeza presentan riscos propios da Terra de Montes.

"Nas súas andadas, estes gremiais do granito inventaron un argot ou xerga de oficio, por protexer os seus secretos profesionais"

As vellas casas aldeás, as ben labradas portas carrais, os hórreos perfectos, os cruceiros máis belos e distinguidos por Castelao, concéntranse en Terra de Montes ou foron obra de xentes formadas nesa bisbarra. Falamos dos pedreiros e canteiros que saían fora da súa parroquia, como foi o caso dun Pedro de Arén que ideou a lanterna da catedral de Ourense ou o Xosé Cerviño cuxo cruceiro do Hío aínda hoxe “sospende, ademira e espanta”. Nas súas andadas, estes gremiais do granito inventaron un argot ou xerga de oficio, por protexer os seus secretos profesionais. Hoxe áchase difundido e leva o nome de verbo ou latín dos arghinas.

Procedente de Tenorio (castelanización, ao parecer triunfante, de Teoiro) foi Manuel Ventura Figueroa. Este meigo das finanzas borbónicas, no século XVIII acumulou unha inmensa fortuna persoal que lle permitiu favorecer os seus familiares necesitados de apoio para seguiren estudos medios e superiores. Tal vez o chamado “figueroísmo” estimulou una inusual abundancia de titulados superiores na Terra de Montes dos pasados séculos.

"Igual ca no resto de Galicia, veciños de Terra de Montes emigraron, moi concretamente a Brasil"

O certo é que, onte coma hoxe, a Terra de Montes ven sendo lugar onde frolecen moitas individualidades nas artes, letras, ciencias, e aínda na administración pública. Igual ca no resto de Galicia, veciños de Terra de Montes emigraron, moi concretamente a ese Brasil que é o país que Nélida Piñón fixo fluír na novela-río titulada A República dos Sonhos. Esta escritora, oriunda de Cotobade aínda que nada no Rio de Janeiro, desprega diante os ollos da nosa imaxinación leitora a “saga”(dise así por influencia de Hollywood) dos Madruga de Terra de Montes.

Foi a relectura deste romance o que me aguillou a memoria e fixo que se me avivecesen lembranzas relacionadas coa Terra de Montes. Incluída algunha suscitada por aquel don Antonio Rodríguez Fraíz que tanta luz forneceu para o coñecemento da bisbarra sobre a que divagamos aquí. A bacía do Leres ordena, na súa transversalidade, a Terra de Montes toda. Non esquecerei un seu afluente, o Almofrei do que intentei sacar troitas na miña adolescencia, sen demasiado éxito a causa dos ramallos abondosos nos que se perdían os meus anzós e culleriñas. Días pasados, o Leres tinguiuse de morte en Pedre. Esta columna quixera acompañar as vítimas e os seus achegados.