Opinión | tRIBUNA LIBRE
Xesús Palmou
Un paso máis cara á Estrada
Antonte, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, presentaba na nosa vila o dobre proxecto que, despois de 22 anos, poñerá remate á autovía da Estrada a Compostela. Un proxecto transcendental para a nosa comarca, o noso puxante concello e, especialmente para a vila da Estrada, sede xa de importantes institucións autonómicas, como son a Academia Galega de Seguridade Pública e o Centro Integrado de Emerxencias de Galicia.
Un proxecto que, como xa dixen en algunha ocasión, comeza a súa andaina o día 27 de decembro de 1999, cando o tamén presidente da Xunta Manuel Fraga asistía na Estrada a unha cea organizada polo Club de Estradenses en Santiago, do que eu formaba parte. Cando os dous acudiamos a esta vila, no seu coche, ao pasar por Cacheiras, fíxenlle, con clara intención, referencia aos problemas que tiñamos moitos estradenses, polas mañás, para chegar a Santiago pasando por este lugar, onde a estrada se tiña convertido xa nunha rúa urbana e as retencións de tráfico alongaban a viaxe ata máis dunha hora. O tema foi tratado novamente na cea, onde lle propuxen como solución unha autovía alternativa.
Ao día seguinte emprazoume no seu despacho, xunto ao conselleiro de Política Territorial, ao que lle falou da necesidade de acometer unha infraestrutura que puxera fin ao “embudo” que se producía en Cacheiras cada día, pregándolle que tratase con cariño esta petición do conselleiro Palmou.
Será logo, na primavera do ano 2002, con ocasión do encerro anual do goberno, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, no que me asegurou Fraga que se ía a resolver o problema, cando comprobei que a solución proposta era unha estrada de circunvalación a Cacheiras e non a autovía.
Manifesteille a Fraga que a circunvalación non solucionaba o problema a longo prazo, ao que me respondeu: “Eu dareille a palabra a vostede e vostede expón a súa proposta, e logo veremos”. Efectivamente, así aconteceu e despois de analizar as dificultades económicas de construír unha autovía á Estrada sen peaxe e manifestar o conselleiro de Política Territorial que non dispoñía de partida orzamentaria para acometer a obra, foi o conselleiro de Economía quen tomou a palabra manifestando: “Dado que o problema é orzamentario, eu me encargo, a través da Sociedade Pública de Investimento, sen mingua algunha do orzamento da Consellería de Obras Públicas”. A continuación rematou Fraga dicindo: “Se o conselleiro de Economía, que é o que ten os cartos, o resolve non hai máis que falar, fágase a autovía A Estrada”.
Redactouse o proxecto e comezouse a obra sendo Fraga presidente e continuou co goberno bipartito, que inaugurou o primeiro tramo o 20 de novembro de 2008. E aquí comeza a longa espera, a pesares do acordo unánime do Parlamento de Galicia de 11 de febreiro do ano 2006 tomado por iniciativa miña, entón deputado, que ordenaba á Xunta acometer con urxencia a construción do tramo seguinte entre Chao do Río e Souto de Vea. Por fin, 16 anos despois do acordo parlamentario, o proxecto vaise a converter en realidade, no que sen dúbida ten moito que ver o empeño do Concello de A Estrada, co noso alcalde a cabeza, e a boa disposición do actual goberno da Xunta de Galicia, que dá un paso máis cara á Estrada.
- Muere un lucense de 78 años en la playa de A Lanzada
- Roban un coche en Vigo, lo empotran y el conductor, borracho y sin carné, se va a la terraza de un bar
- Evacuada en helicóptero una trabajadora atrapada por una mano en una máquina en Moraña
- Hallan el cuerpo de un niño ahogado en Pedras Miúdas tras dos horas de angustiosa búsqueda
- Bruselas certifica la prórroga ilegal de la AP-9, pero el Gobierno insistirá en apelar
- Organizan una despedida sobre ruedas para Brais, el joven motorista de O Rosal fallecido ayer
- Davila 17/07/2025
- La tragedia en Sevilla pone el foco de nuevo en la seguridad laboral: 'Nos quejábamos, pero nadie hacía nada