Escravistas, puteiros e proxenetas

Ana Míguez

Un pouco de historia para aqueles que xustifican a prostitución.

O sistema económico dos USA do século XIX non era concebible sen a existencia da escravitude. O dereito ao voto dalgunhas capas sociais, mesmo o dereito das mulleres á participación política ou o acceso á educación, éralles negado “razoadamente” no século pasado.

No noso país, a capacidade e o dereito para adquirir ou vender bens sen permiso do marido ou fillos era parte da lexislación hai tan só pouco máis de 40 anos como tamén formaba parte dos costumes ancestrais que conformaban os dereitos do varon, mallar na muller coa que convive e antes de que este feito comezase a evidenciarse a ninguén se lle ocorrería consideralo coma delicto.

Só pode pasar por simple, inculto/a, puteiro ou mal intencionado/a quen hoxendía nega os dereitos humanos das mulleres.

Ninguén minimamente sensible é quen de resistirse ao arrepío que lle produce un costume tan normal en culturas que conviven coa nosa, como a ablación do clítore ou a infubilación practicada sobre millóns de nenas. O mesmo lle debe pasar a quen ve unha das múltiplas reportaxes nas que se denuncian a trata de nenas en Tailandia, Filipinas, Brasil e tamén na Europa; nenas vendidas e mercadas, escravas nestes días do século XXI sendo prostituidas. Mesmo é posible que algúns e moitas nos revolvamos perante a visión de milleiros de mulleres e nenas nos descampados e rúas marxinais das nosas vilas e cidades. Hai quen esboza un sorriso de insensibilidade perante unha redada nun bordel pois cre ver perigar os seus varonís desexos e dereitos de puteiro se ese antro pecha.

Os primeiros exemplos forman parte da historia, de algo que foi real e normal hai máis ou menos tempo, e que hoxe resulta xa non inadmisibles, senón inconcebibles. As outras visións compoñen unha triste parte da realidade actual, e as admitimos socialmente para disfrute e uso dos homes puteiros.

Temos tamén por costume lexitimar a maldade e a perversión agochándonos na va xustificación de que hai feitos que existen dende sempre, sen considerarmos que ese “sempre” só nos está afectando “agora” e que ese feito, por inhumano, non só pode, senón que debe ser rexeitado.

Hoxe cohabitamos insensiblemente cun arcaísmo, coa última formulación da escravitude, a prostitución, a expresión máis violenta que se pode exercer contra as mulleres, contra a súa dignidade humana. Hoxe convivimos, asumimos e valoramos a prostitución, como mercado de corpos de millóns e millóns de mulleres e nenas.

Non quero nin debo entrar no razoamento simple de que ningún home minimamente razoable desexaría que a súa nai ou a súa filla fosen prostituidas, pero tampouco podo esquecer que non hai moito tempo, nun debate televisivo, un coñecido proxeneta dicíame que a el non lle importaría que a súa filla fose prostituída.

O discurso da regulación da prostitución co que algúns partidos tentan convencernos, revestido de dereitos para as prostituidas, só favorece os intereses de quen se beneficia da prostitución, ben pertenzan ao bando do proxenetismo, ou ben ao dos puteiros

Cómpre que nesta lexislatura o Goberno escoite ás organizacións feministas coñecedoras do mundo prostitucional, pois ten nas súas mans a proposta da LOASP, Lei Orgánica Abolicionista, presentada dende hai dous anos pola Plataforma Estatal de Organizaciones de Mujeres por la Abolición de la Prostitución (PAP). Unha lei valente, necesaria e urxente que non pode obviarse.