Exilio e discurso político (I)

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Non resulta doado explicar o significado da voz exilio (“desterro”) sen facer referencia ao carácter político e coactivo do seu significado. Foi por este motivo unha palabra proscrita durante moitos anos en Galicia e España a partir de 1939 coa intención de ocultar o seu significado: a expulsión violenta do país, e da historia, de moitos miles de cidadáns.

Así, na Historia da literatura galega (1951) de Fernández del Riego soamente aparece a palabra esilio [sic] unha vez referida a Castelao; os demais exiliados “fixaron a súa residencia en Buenos Aires” no caso de Seoane ou “reside en Buenos Aires” a respecto de Lorenzo Varela; Otero Espasandín “estivo en Francia, en Inglaterra, na Arxentina e agora reside en Estados Unidos”. Tamén na Historia de la literatura gallega (1951) de Varela Jácome é presentado Rafael Dieste como un escritor galego que “permaneció una temporada en la Argentina y actualmente es lector de español en la Universidad de Cambridge”. Se estes ocultamentos poidesen ter doada explicación pola rixidez da censura franquista hai outras actitudes e comportamentos premeditados que requiren outras explicacións.

Malia esta evidencia non faltaron intentos en Galicia de desposuír aos exiliados do seu discurso político, unha vía que posibilita a integración sen conflito de numerosos artistas, escritores e intelectuais que recuperan deste xeito fraudulento a súa condición de galegos expulsados da súa propia cultura e limitando o seu discurso a unha permanente nostalxia do pasado. Esta tendencia escamoteadora, iniciada polo piñeirismo e continuada actualmente, xa foi denunciada no seu momento polos exiliados que denunciaban esta situación desde as páxinas de “A Nosa Terra”:

Eles[os piñeiristas] consideran que eiquí perdemos tempo e diñeiro en celebrar efemérides inaituales políticamente: Aniversario do Plebiscito, mártires e homaxe a Castelao político. Comparten a ademiración universal por Castelao artista, home de ben e patriota vertical circunstanciado misticamente coa sua terra; mais consideran a aituación política de Castelao coma circunstancial, aneidótica da sua personalidade. E nós, ademais das outras facetas da sua grandeira vida, querémolo e honramos a sua memoria, como líder e condutor político.

Por esta razón, a Federación de Sociedades Galegas encargou a tres personalidades do exilio galego outras tantas monografías sobre a personalidade do autor de Sempre en Galiza: Luís Seoane ocuparíase da faceta artística, Eduardo Blanco Amor da creación literaria e Suárez Picallo do Castelao político. Neste caso, como en tantos outros, o importante e relevante non era o tema do encargo, eran as causas que o provocaron e as interrogantes que pretendían responder coa protesta. Quería a Federación con esta iniciativa combater a tendencia, que pervive actualmente na cultura institucional galega, de escamotear sistemáticamente o discurso político para desvialo cara a cuestións denominadas culturais. Existía, efectivamente, por parte do galeguismo residente en Galicia un interese evidente por ocultar o discurso político do rianxeiro, ocultamento deseguida extendido a todos os exiliados. Deste xeito, paradoxicamente, desaparece a causa principal que provocou o exilio sustituída pola literatura, a arte, etc., dando a impresión que uns homes galegos andaban polo mundo como pantasmas, facendo exposicións, escribindo libros e cartas e convocando congresos que tiñan como tema único Galicia. Foi deste xeito fantasmagórico como se rescataron as figuras galegas do exilio, espidas de todo discurso político, inocentes e albas, desprovistas de ideoloxía, autorizadas para habitar os manuais de literatura e de arte. Con razón Seoane, nunha das súas últimas cartas, interesadamente inédita, di que pretenden gobernar Galicia persoas que ignoran a súa historia e chamaba malnacidos a dous conferenciantes que se esquecían, xa non dos mortos, senón das personalidades que crearon o movimiento reivindicador do pasado galego.

*Académico numerario

Suscríbete para seguir leyendo