Os Camiños da Vida

Sepulcros que se abren

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Corrían, na Idade Media que iluminou Curtius, estorias nas cales un meniño nobre e orfo fica a mercede de parentes que lle rouban o patrimonio. Ao se facer home, a vítima recupera, coas armas e a astucia, aquilo que perdera. Este tópico foille aplicado a Pedro Álvarez de Soutomaior, “Madruga”, en narracións cuxos autores se sentiran fascinados polo personaxe. Belixerante, este, contra os Irmandiños, máis tarde dirixiu, xunto con Pardo de Cela, o partido galego dos nobres que estiveron a punto de conseguir a unidade dos reinos peninsulares con capital en Lisboa, e “sobre lo mar”.

Eran os que acataban coma raíña a Joana de Trastámara, filla de Henrique IV e coñecida como “A Excelente Señora”. Pedro Álvarez de Soutomaior convertérase en Pedro Madruga, ou sexa, no máis célebre inimigo que en Galicia tivo (descontando Pardo de Cela) a usurpadora Isabel coñecida como “A Católica”. Aínda que conde de Caminha e señor doutros estados, a Terra de Turonio era o núcleo do poder de Pedro Madruga. Gorentaríame dar un chouto atrás no tempo e asistir a proclamación de Joana coma raíña de Galicia e de Portugal polo seu matrimonio co rei Afonso V. Imaxinamos o sagrado de Martin Codax e a Praza da Igrexa de Vigo acugulados de pobo que aturuxaba e daba vivas á Excelente Señora, mesturadas as voces con más palabras e insultos procaces a Isabel.

“Madruga e Colón foron a mesma persoa; ou ben dúas distintas que habitaron un só corpo humano verdadeiro”

Parece que, noutras vilas e cidades de Turonio e de Galicia, houbera concentracións tan entusiastas coma estas que evocamos en Vigo. Pero, as guerras pola hexemonía peninsular resolvéronse en paces favorabeis ás ambicións de Isabel e Fernando. Pedro Madruga, derrotado, foi morrer a Castela, concretamente a Alba de Tormes, coido que en 1486 e nun episodio toldado de misterio e incerteza. Non se sabe se o asasinaron de garrote ao pescozo ou se feneceu pola acción do mal de carbúnculo. O caso é que, uns cincocentos anos despois, o meu amigo Alfonso Philippot Abeledo trabou unha tese histórica que lle había de imprimir unha nova vida a lenda de Pedro Madruga.

Sostén Philippot que Madruga non morreu en Alba senón que simplemente desapareceu para se incorporar á Historia en Lisboa adoptando a identidade de Cristóbal Colón. A vella tese de Colón pontevedrés, que tivera García de la Riega por patrón e que acadara o seu cénit poético n’Os Eoas de Pondal, derrúbase con estrépito e por acción dun relato inimaxinábel que ten como núcleo esencial este: Pedro Madruga e Cristóbal Colón foron a mesma persoa. Ou ben dúas persoas distintas que habitaron un só corpo humano verdadeiro. De varias cousas relativas a tal cuestión acaba de tratar, para o noso proveito, Xosé Ramón Pena neste periódico. E hai sepulcros que se abren para interpelar o silencio dos cadáveres...

Suscríbete para seguir leyendo