Murguía andou polo mundo cunha estrela na frente xémea da de Rosalía de Castro e feita da mesma enerxía vaticinante ca o escuro lóstrego que alouleou Pondal. O resplandor imposíbel do sol negro de Nerval rolaba noutras órbitas do mesmo sistema.

No ano que está a chegar cúmprese o centenario da morte de Manuel M. Murguía (1833-1923). El foi enterrado no cemiterio de San Amaro da Coruña que se debruza sobre o grande Seo Artábrico e que tamén acolle os despoxos do Cantor dos Pinos, de Curros, e doutras insignes persoas que consideraron Galicia como a súa patria primordial e en construción permanente.

Esta tempada, a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística difundiu, por intermedio de Xosé González Martínez, a proposta de elevar a cova de Murguía en San Amaro á categoría de monumento público que presidiría un texto lapidario de estilo condigno e redactado en galego. X. L. Axeitos, alta autoridade en materia de vida e obra de Murguía, sumouse a esta iniciativa que tamén esta humilde columna apoia: erguer un novo panteón para albergar os restos de Murguía e perpetuar a súa memoria.

Murguía foi o máis importante motor ideolóxico e luminoso do Rexurdimento cultural e da recuperación da conciencia de Galicia como nación no século XIX e aínda no comezo do XX. Sendo rapaz, Murguía asistiu a o alzamento revolucionario de 1846 e durante toda a vida venerou a figura de Antolín Faraldo. Participou da onda revolucionaria de 1854 que Marx analizou nos seus escritos sobre España.

En Setembro de 1868 é visíbel a presenza de Murguía no Comité Progresista de Santiago. Foi para Galicia (utilicemos palabras do propio Murguía) “el historiador y el político por excelencia de su tiempo”. Creu que Galicia era “nación de hecho” e que “las lenguas son verdaderas banderas nacionales” chamándonos a conservar a nosa e a loitar no seu nome e á súa sombra.

Murguía, fillo da Revolución, pasou ao ostracismo e a marxinación no réxime borbónico da Restauración de 1874. Pero seguiu lidando no plano cultural, no que o protonacionalismo era indestructíbel, por acadar a redención plena de Galicia.

O relato nacional da Xeración Nós colocou a figura de Murguía no estrado de respeito que ocupa hoxe na memoria histórica. Espero que o próximo sexa o ano de Murguía. A galeguización e reconstrución do seu sartego é un deber de todos os galegos e galegas patriotas e de corazón republicano.