DE BOLINA

Colón de noso (II)

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Desde A Habana, e con data do 10 de decembro de 1912, recibía Eduardo Pondal unha circular procedente do “Comité Colombino. Pro Verdadera Cuna de Colón”. Asinaba semellante envío Constantino Horta quen, alén diso, tamén lle facía chegar ao Bardo un exemplar do seu libro La verdadera cuna de Cristóbal Colón, recentemente publicado en Nova York. En realidade, Horta viña reiterar nesa obra os argumentos a favor das orixes galegas do Almirante, xa presentados anos atrás por Celso García de la Riega mediante o seu ensaio titulado “La Gallega.Nave Capitana de Colón” (1897). Conxecturas ás que o historiador pontevedrés fora engadir aínda un conxunto de documentos –amosados en decembro de 1898 durante unha conferencia na Real Sociedad Geográfica, en Madrid– que se verteron logo no volume póstumo “Colón español. Su origen y patria” (1914).

Non deviran cordiais as relacións habidas entre García de la Riega e mais os membros da “Cova Céltica” –a célebre tertulia rexionalista que tivo lugar durante a derradeira década do XIX na Coruña e na cal o autor dos Eoas era aprezado como o Bardo, o Poeta por antonomasia–, e o motivo esencial da desputa radicaba na aberta oposición de De la Riega (quen viña considerar decisiva, polo contrario, a contribución dos gregos), ás teses de Manuel Murguía respecto da celticidade do país galego. Así as cousas, e grande amigo como era do marido de Rosalía de Castro, cabe considerar, daquela, as dúbidas e incertezas de Pondal canto á aceptación dun Colón galego.

Porén, malia todos os obstáculos, o certo é que a teoría de García de la Riega verbo das (supostas) verdadeiras orixes do gran navegante si obtivo unha moi boa acollida entre a numerosa colonia galega espallada por toda Hispanoamérica. Nacido en Pontedeume (1860), Constantino Horta –integrante dos “Knights of Colon”, fundador da Biblioteca Hispanoamericana de Ciencias Comerciais e membro das diferentes sociedades galegas establecidas en Cuba–, dedicou unha parte importante do seu tempo a difundir e apuntalar as teses presentadas polo historiador nacido nas beiras do Lérez. Así, en Nova York, e a petición dos membros da Asociación “The Columbian Institute and Hispano Society of America”, tirou do prelo o, xa referido, volume "La verdadera cuna de Cristóbal Colón". Cómpre escribirmos que no seu momento a obra si que gozou dunha boa difusión, sendo apoiada por xornais como ‘The New York Tribune’, ‘The New York Times’ ou o ‘Diario de la Marina da Habana’, ademais de contar co aplauso da comunidade xudía toda vez que Horta afirmaba no seu labor non só o nacemento de Colón no seo dunha “modesta familia galiciana” senón asemade as “súas probadas orixes semíticas”.

“Foi o escritor e activista eumés Constantino Horta o responsable do Colón galego presentado por Eduardo Pondal na súa obra”

Uns meses máis tarde –marzo de 1913– Pondal respondía. E facíao de forma nitidamente favorable para os requerimentos de Horta: “Teño a satisfacción de manifestarlle que, no meu poema Os Eoas, presento a Colón como fillo da nosa amada Galiza; e desde logo, pode vostede comunicar iso mesmo a toda esa numerosa canto denodada colonia galega da grande Antilla.”

“Ti es a miña patria. A boa Liguria/non me dou, como dicen, nacemento (…) Oh, que dicha, se a boa Galicia amada/fora, por ser meu berce, celebrad”. Tal e como comezabamos na crónica do pasado sábado, e a pesar de que Os Eoas nunca chegaron a ver a luz pública en vida do seu autor –feito que só aconteceu, finalmente, en 2005–, o Bardo si cumpriu o cometido e, xa que logo, foi presentar a Colón nos seus versos como un heroe nacido en terra galega. Sen dúbida, a entusiasta personalidade de Constanrino Horta e mais os decididos ideais galeguistas e iberistas do eumés –autor aínda, en 1905, dunha “Doctrina Galicianista que puede servir de base para la futura Constitución Autonómica de Galicia, de norma para los renegados y de pauta para los verdaderos regionalistas”– resultaron decisivos para el. Mais non o foron, con todo, para a RAG presidida por Murguía: facendo seu o informe presentado por Oviedo Arce, a corporación descualificou por completo a obra e mais a persoa –“neófito no tempo da Historia” dedicado “ás súas actividades da lucrativa política” de García de la Riega–.

“Rebelde contra os feitos consumados”. Así definiu, á súa vez, a Colón outro grande autor de noso: Manuel Curros Enríquez. Mais tentaremos aproximarnos a semellante texto, e aínda a esoutro da man de Ramón Cabanillas, na nosa próxima, e definitiva, entrega.

Suscríbete para seguir leyendo