Suscríbete Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Só meixón

Acórdanme os días nos que eu, rapaz, pescaba anguías no Leres derradeiro e desde unha cepa da Ponte do Burgo. Era en solpores de verán e as anguías picaban ben da encarnada de miñoca patuda, que en Pontevedra chamabamos “cangulo”. Por aquel entón, Castroviejo e Cunqueiro, no camiño de onda Unamuno, adoitaban facer apoloxía do libro filosófico lindo que Izaak Walton titulara, no século XVII, The Complet Angler (‘O experto pescantín de cana’). Unha tardiña, ollei para as anguías que se resistían a morrer no meu queipo ou carabela. Coa imaxinación excitada, vinnas nacendo no Mar dos Argazos (ou Sargazos) e derivando polo océano até dar chegado ao Leres orixinal seu, tal coma lera no Selecciones del Reader’s Digest que dirixía, para España, o poeta Luis Rosales. Soñaba eu as miñas infelices anguías cruzando o Atlántico en estado larvario e en formacións aglomeradas que galegos e portugueses minhotos chamamos meixón.

Houbo un tempo en que a larva da anguía era designada como Leptocephalus e considerada especie de seu. A anguía fora identificada por Linneo coma Anguilla anguilla. Joseph Cornide, no seu Ensayo sobre los peces y producciones de la costa de Galicia...(1788) ás veces cita a anguía con outro nome galego, o de eiroa, que para nós resulta un mundo enigmático. Pero non parece ter coñecimento, o enciclopedista coruñés, nin do meixón nin da peregrinaxe da anguía ao Mar dos Argazos.

"Vinnas nacendo no Mar dos Argazos e derivando polo océano até dar chegado ao Leres orixinal seu"

decoration

Voltemos ao meixón dicindo que o seu significado é colectivo e incorpora a idea de aglomerado e reunión de moitos compoñentes. O que nos leva á raíz indoeuropea MEI-K cuxo sentido nocional parécelle claro a Julius Pokorny: reunir, amasar. E é así que o latín vulgar mistione referíase a persoas, animais ou cousas que se axuntan: coma as larvas da anguía ao vir polo mar e entraren nos ríos dos seus antepasados. Desde logo hai quen pensa que o vocábulo meixón non veu a nós polo conducto romano senón polo xermánico suevo. Seguindo un camiño aberto por Meyer-Lübke habería palabras galegas debidas aos suevos e entre elas figuraría o meixón, que resulta relacionada co anglosaxón miscian, o antigo altoalemán misken ou o alemán moderno mischen.

O libro dos peixes de Cornide non trata só de zooloxía senón tamén de economía, artes de pesca e propiedades alimenticias das especies mariñas. Neste sentido, o Ensayo de Cornide é debedor da famosa obra De Piscis Marinis, orixinal do médico e naturalista Guillaume Rondelet (1507-1566) que abriu o camiño do que hoxe, e transversalmente, está a chamarse Ciencias do Mar. Enfín, que a larva comestíbel da anguía ten un único nome en galego: meixón.

Compartir el artículo

stats