2 Billetes de AVE Gratis Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Os excesos das memorias manipuladas

A Federación Española de Asociacións Científicas de Historia (FEACH), lemos na prensa, pide unha nova lei de arquivos alegando, entre outros, dous sólidos argumentos: a necesidade dos arquivos para a “reparación de esquecementos dorosos” e para “corrixir e combater os excesos das memorias manipuladas”.

Non moitos días antes Xosé González Domínguez, da AFNLG (Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia), publicaba outro artigo titulado “Un monumento funerario para Manuel Murguía” no que reclamaba, alegando o antecedente de Rosalía de Castro, un monumento digno para o Patriarca das Letras Galegas con ocasión do próximo centenario da súa morte acaecida, como sabemos, o 2 de febreiro de 1923. A petición inclúe, como motivo de dignificación, un epitafio en galego. Esta xusta reivindicación contribuiría, efectivamente, a combater os excesos das memorias manipuladas se temos en conta a anomalía dos epitafios en castelán nun territorio de fala galega. É evidente o paralelismo que garda esta anomalía co hábito inveterado da igrexa de oficiar en latín os ritos relixiosos para non verse atrapada nun rexistro plebeio, cando a poboación á que iban destinados falaba noutras linguas. Coas inscricións funerarias ocorría o mesmo, seguiron moito tempo sendo en latín (lingua sacra) entre unha poboación que falaba romance (lingua mundi).

A renovación do monumento a Murguía ten moi doada xustificación na historia universal da cultura funeraria. A figura de Murguía, constantemente revitalizada e afirmada despois da súa morte, acadou nos últimos anos a categoría de escultor da nación pola súa entrega á tarefa de lexitimar cientificamente as súas peculiaridades, refrendado este título social e colectivo coa biografía de Murguía, obra do historiador de Galicia por excelencia, Xosé R. Barreiro. Xusto é que se poida levantar un monumento acorde coa categoría intelectual que a sociedade en xeral e a comunidade académica lle outorga neste momento ao noso historiador. Calquera que estudie a traslación das tumbas dos papas no Vaticano decatarase de que a nobreza e visibilidade dos seus monumentos dependía tamén das distintas valoracións e devaluacións que provocaba a súa figura. Non rexeitemos tan valioso exemplo.

“Apoiamos a petición da Asociación de Funcionarios porque pretende corrixir os excesos das memorias manipuladas”

decoration

Aos deslexitimadores desta idea dun novo monumento con epitafio galego a Murguía xa lles contestou anticipadamente Aurelio Ribalta en 1888, que lle outorgaba ao Patriarca o título de avogado defensor de Galicia: “Su misión era hablar a los fariseos y a los gentiles. Su palabra, más que para nosotros, era para los ajenos, y le fue necesario hablar de modo que todos lo entendiesen... Lo primero que Murguía procuró fue que tuviésemos patria. Luego tendríamos idioma e Historia”.

Coidamos, na nosa particular lectura do artigo devandito, que indirectamente o autor da petición interpela as institucións políticas, Xunta de Galicia e Concello da Coruña, e a institución da que foi presidente Murguía, A RAG. Malia o tempo transcorrido desde agosto, non tivemos noticia de que se pronunciasen publicamente ningunha das tres; as dúas primeiras, probablemente, ocupadas e preocupadas polas eleccións vindeiras e a terceira ocupada na nobre e ardua tarefa de atopar a palabra do ano.

Pola nosa parte, queremos apoiar con entusiasmo a devanditra petición da Asociación de Funcionarios que preside Xosé González porque pretende corrixir, tal como argumentan os historiadores profesionais para a súa reivindicación, os excesos das memorias manipuladas.

Compartir el artículo

stats