Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Salvai as vacalouras

No século XIX librouse un combate simbólico entre nós. Discutíase que árbore ou arboredo debía ser considerado emblema emocional da Patria. A influencia de Pondal, quen privilexiaba (cun castelanismo) aqueles “pinos” que ocupan a centralidade do noso himno, parecía imporse sobre os “robles” que gozaron da preferencia da Rosalía de expresión castelá. O poema titulado por Hölderlin precisamente “Die Eichbäume” (“Os carballos”) pesou un mundo no nacionalismo literario galego e na identificación sentimental da Terra. Podia que Otero Pedrayo sentenciase o pleito entre piñeiros e carballos facendo que, nun seu poema elexíaco, as vítimas do feixismo se manifestasen en queixumes roucos do vento nos segundos: “Ao lonxe a voz do amigo que perdemos / soa ceibe na baruda carballeira / co son honrada das antigas falas”.

"O diformismo sexual que adopta esta especie parécese ao dos cervos"

decoration

Os frecuentadores de carballeiras saben que nestas habita o maior e máis impresionante insecto de Europa, que é nomeado Lucanus cervus a partir de Carolus Linnaeus ou Carl von Linné. Nós, en galego, chamámoslle vacaloura, escornabois ou alicornio, tal e coma Fermín Bouza Brei nos ten instruído. Trátase dunha das 900 especies do xénero Lucanidae (designación misteriosamente relacionada cunha das Metamórfoses de Ovidio) que existen no mundo. O diformismo sexual que adopta esta especie parécese ao dos cervos, o cal nos inquieta coa evidencia de arquetipos modélicos que a evolución produce, trastabillada polo azar e a necesidade. Así moitas culturas recorren ao cervo para nomear o noso insecto de hoxe. E isto aínda que, entre nós, o cervo sexa aquel animal que morre ferido no mar, coma ordenara o numen poético de Pero Meogo. Os cornos do grande insecto da fraga de carballos meten medo e están implantados nunha testa titánica que se reclama da escultura de Leiro.

Vennos á memoria un conto do século XX, escrito en galego e en clave de “The Jungle Book”, de Kipling, no que sae unha vacaloura de nome Rasgulkje que era residente en certa fraga dita de Grohtegunk. Viven aínda vacalouras no remol dos contos de meigas e, na nosa nenez, moitos rapaces cazaban estes coleópteros e enredaban con eles, ás veces xunguíndoos a carriños de cortiza. A vacaloura femia (sen cornos) deposita os ovos en troncos e restos de carballos secos onde as larvas vivirán por cinco anos. Hoxe a autoridade manda a retirada de toda esta leña, co cal a reprodución das vacalouras se converte en imposíbel. É esta a razón pola cal deben activarse medidas dirixidas á preservación das vacalouras de Galicia e doutros sitios onde estean ameazadas por políticas forestalistas danosas para a biodiversidade.

Compartir el artículo

stats