Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

Perder as infancias

Hai un tempo, un dos meus grandes amigos recibiu unha importante oferta de traballo. Implicaba pasar varios días ao mes fóra da casa, mais cunha nómina bastante superior á media. Entusiasmeime porque el, que é un profesional cualificado, con corenta anos tomara a decisión de empezar de cero noutro sector para ter un horario digno e unhas condicións xustas. Pasara os anos anteriores entregado ao traballo, sacrificando tempo libre e forzando a máquina en fins de semana e días festivos. Por fin chegaba unha oferta decente. El decidiu rexeitar alegando un motivo que me pareceu incontestable: “non quero perder a infancia da miña filla. Se acepto ese posto vou vela medrar a través de vídeos e fotografías e non quero iso, nin para ela nin para min”. Esta decisión implicou seguir sendo traballador eventual e continuar formándose para aspirar a un posto estable. Elon Musk, que afirmou durante unha conferencia de negocios en Indonesia traballar mañás e noites os sete días da semana, é a outra cara da moeda. Aplicou o seu sistema de traballo á Twitter, a súa nova adquisición, despedindo a preto de 3.700 empregados. Afirma que ninguén cambiou o mundo traballando corenta horas semanais e leva esa filosofía ata as últimas consecuencias. Ese é o modelo de negocio das empresas que dirixe. De feito, en 2019 un tribunal de EE UU estipulou que Tesla violaba dereitos laborais. Mentres as persoas traballadoras pelexan polo teletraballo e pola existencia dunha conciliación real, Musk tira en dirección contraria. Impuxo en Twitter quendas de traballo de doce horas, sete días á semana. Publicáronse vídeos de empregados durmindo na oficina. Houbo dimisións en masa. Máis de 1.200 baixas de traballadores que non aceptan estas condicións laborais por indignas. Outros decláranse entusiasmados. Esta semana, un traballador de Twitter publicou nesta rede social: “Aínda traballo en Twitter. Antes tiña que ir a xuntanzas sobre modificar iconas. A pasada noite bebín oito Redbulls e reescribín a peor parte das mensaxes directas. Non me sentía tan vivo desde a Universidade. Grazas, Elon". Adicción ao traballo ou inconsciencia? Isto faime pensar nos streamers. Viven entre o brillo dos focos dunha fama explosiva e a realidade dun traballo que esixe pasar arredor da metade do día diante dunha pantalla. Lembro o titular que deu Ninja, un xogador de videoxogos estadounidense con case 24 millóns de subscritores en Youtube, que afirmou que perdera 40.000 subscricións por coller 2 días libres. É a ditadura dos streamers. Millóns de seguidores, millóns de euros mais inexistencia de tempo material para gozalo porque a actualidade, os directos, o ritmo voraz dun sistema que os devora, manda. Alármame isto, sobre todo, se analizo as horas que eu mesma lle dedico ao meu traballo. Non hai demasiada diferenza cos streamers. Non respecto fins de semana nin festivos, así que carezo de autoridade moral para criticalos. Creo que isto é extrapolable a gran parte das persoas que cotizamos no Réxime de Autónomos. Acabamos dentro dunha espiral que non é fácil esquivar. Mais a fugacidade da vida é asombrosa. A pregunta é: Queremos ver a vida das nosas persoas queridas a través de vídeos e fotografías?

Compartir el artículo

stats