Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

Colón de noso (I)

“Ti es a miña patria. A boa Liguria/non me dou, como dicen,/nacemento./Fora certo esto/túa e miña inxuria,/e grande error e grave nocumento,/que n’é de Breogán a raza espuria/para honrar o noso forte intento./Oh, que dicha, se a boa Galicia amada/fora, por ser meu berce, celebrada!”

Non vén ser outro, senón Cristovo Colón, aquel que en semellantes termos se dirixe á súa terra nativa nunha pasaxe singular –sección 19ª, “Visión da Patria”– d’Os Eoas, o longo poema épico no que Eduardo Pondal cantou –para alén, desde logo, das figuras do propio Almirante e mais os seus compañeiros de aventura– a chegada dos españois ás costas americanas en outubro de 1492. Polo demais, non resultan ser os anteriores os únicos versos nos que se declare, dentro do conxunto eoico, a nacionalidade galega do gran navegante. Deste xeito, imos dar no conxunto do texto con momentos tales como: “… Ouh bo Colombo, a España acode,/de cabaleiros madre e amor profundo./Ela te escolle do eido peregrino/de Breogán. Ti cumpre o teu destino”; “Estes dirixe con prudente freo/o gran Colón, e decir tanto basta (…) Colón de ilustre e estrema memoria,/e da nobre Galicia eterna gloria” ou aínda “É o primeiro o gran Colón famoso,/que o alto comando en todo asume e imprime (…) da cuna deste Italia fai baldanza, mas só Galicia dá testimonianza.”

Xénova, Mallorca, Portugal…, asemade unha posible ascendencia xudía: a busca das verdadeiras orixes colombinas ocupou –e continúa a facelo– centos e centos de páxinas, análises e proxectos diversos por parte dos investigadores. Ao longo do tempo, incluso a Igrexa –Pío IX respaldou no seu día a beatificación de Cristovo Colón– tomou cartas no asunto; intelectuais católicos como León Bloy chegaron a comparar a figura do Almirante con esoutras de Moisés e San Pedro, os tres inseridos nun proceso arreo por espallaren “a verdadeira fe” ao longo de todo o planeta.

En calquera caso, trátase dunha procura que continúa de plena actualidade, e velaí que nos pasados días informaban os diferentes medios –e, nin que dicir ten, este mesmo no que se publican as presentes liñas– respecto das excavacións arqueolóxicas levadas a cabo no adro vello da igrexa de San Salvador de Poio (Pontevedra), e así mesmo nesoutra de San Martiño de Sobrán (Vilagarcía de Arousa), co obxectivo de acadar material xenético que poida corroborar a galeguidade de Colón. En fin, cómpre agardarmos, daquela, as conclusións que veña presentar o equipo da Universidade de Granada –a cal tutela o proxecto investigativo internacional–, dirixido polo profesor José Antonio Lorente.

"Diversos autores –tal e como Eduardo Pondal foi aceptar finalmente– defenden a galeguidade de Cristovo Colón"

decoration

Constantino Horta, Alfonso Philippot, Marcos Castro, Eduardo Esteban… pero especialmente Celso García de la RiegaColón español. Su origen y patria (1914)– mantiveron –e manteñen– a teoría de que o gran navegante naceu en Galicia. Pois ben; ao longo de máis de cincuenta anos, Eduardo Pondal teimou na construción dun longo poema épico –o xa referido, Os Eoas– cuxa finalidade, ademais de honrar a fazaña colombina, tiña de consistir en demostrar que “o noso antigo canto ilustre verbo galego non é só quen dos máis moles e brandos acentos, senón dos máis arduos e arriscados e propios de maiores empeños”. A defensa do cristianismo; a vontade de enaltercer as glorias de España; a irmandade ibérica; o afán por demostrar as capacidades do idioma galego para elaborar as máis elevadas empresas literarias e, xa na redacción final da obra, a aceptación e difusión da galeguidade de Colón: velai os alicerces ideolóxicos d’Os Eoas, un plano que os contemporénaeos de Pondal –eis Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán…– contemplaron como a maior iniciativa, o labor decisivo do poeta nacido na Ponteceso.

Por diversos motivos –cuxo exame non cabe nesta crónica–, Os Eoas nunca foron publicados en vida do seu autor. Tan só a descuberta, no ano 2000 e na sede da RAG por parte de Manuel Ferreiro, dunha versión definitiva do texto –datada entre 1912-1914– determinou que no ano 2005 (en edición do propio Ferreiro e con dous estudos da autoría de Manuel Forcadela e mais do responsable desta columna semanal) as estrofas pondalianas puidesen chegar, finalmente, ao público galego. Na versión final da obra, e como xa vimos, Pondal “fai” a Colón galego. Na nosa próxima entrega tentaremos revisitar semellante proceso.

Compartir el artículo

stats