A falta de autoestima fainos pensar que non estamos á altura. Que os centos de miles de visitantes que percorren Galicia, neste caso a Costa da Morte, veñen porque non teñen nada que facer ou por facernos un favor. En moitos casos aínda pensamos para os nosos adentros: que fará este aquí? Perderíase? No sabeis lo que teneis! Cantas veces o escoitáchedes?

É por iso polo que non dispoñemos dun plan de acción turistico que vertebre todo o territorio durante todo o ano ou a maior parte del.

A xente ven porque somos auténticos, porque somos riquiños! E tamén porque temos un prezos imbatibles para a calidade do producto que ofrecemos.

Ás veces dame por pensar que queren dicir parviños, pero sen querer ofender.

En definitiva, viven unha experiencia única. Ese é o noso elemento diferenciador! Experiencias emocionais irrepetibles! Potencial temos, e de sobra. Só falta organización.

Seguimos pensando que temos que ofrecerlle ao visitante todo o que somos e temos nos meses de xullo e agosto. Así, organizamos todos os fastos nese período. Contraprogramándonos a nós mesmos nunha competición fratricida.

Imposible asistir a todo. Nin nós mesmos podemos. E despois suspiramos pola desestacionalización.

É a pescadilla que se morde a cola. Queremos que nos visiten en xaneiro e temos case todo pechado e non organizamos nada?

Vaia agora a oda ao optimismo. Poder, podemos! Agora ben, queremos? Os marcos que temos na cabeza e despois levamos ás fincas, permítennolo? Seremos capaces de abandonar o minifundismo turístico?

Megalitismo, naufraxios, proxecto starlight de observación dos ceos, sendeirismo, avistamento de cetáceos, buceo, ornitoloxía, gastronomía, patrimonio, fotografía, pesca, btt, son unha parte da multitude de actividades que se poden desenvolver no noso territorio e que servirían para poder, ao mesmo tempo, ofrecer un contrato laboral para que calquera traballador/a do sector se asente no territorio nunhas condicións óptimas que lle permitan gozar dunha calidade de vida propia desta terra.

Nesta linea de Sustentabilidade e de experiencias móvense o hostel Bela Muxía, único albergue de 1ª categoría de España coa Q de Calidad, e o único hotel literario de Galicia, Bela Fisterra.

Motivo polo que me convidaron a participar no Máster de Turismo da Universidade de Vigo que se desenvolve no campus de Ourense e no evento de Galicia Travel Bloggers celebrado na fundación Abanca en Vigo esta fin de semana.

O relato é auténtico, na Costa da Morte somos auténticos, Galicia é auténtica. Temos o que merecemos? Ou polo que nos organizamos, temos máis do que merecemos?

*CEO do Hotel Bela Fisterra e Hostel Bela Muxía. Presidente de APTCM (Asociación Profesionais de Turismo da Costa da Morte).