Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Con Alberto Martín de Hijas

Vexo tres acontecementos que deron confirmado as mentalidades da esquerda nacionalista do noso tempo: a loita contra FENOSA e en defensa do Ribeiro, a revolta universitaria de 1968 e o estoupido obreiro que viaxou de Ferrol a Vigo en 1972.

Vóltame con forza a lembranza do 68 compostelán ao ser eu sabedor do pasamento de Alberto Martín de Hijas Díez, un dos protagonistas daquel movemento que tan ben historiou Ricardo Gurriarán. Estou a ver un Alberto activísimo coma delegado da Facultade de Ciencias e presente na redacción do Boletín Informativo da que quixo ser refundada idealmente polos estudantes como “Universidade Galega”. Formaba el parte, ao tempo, do FSU (Frente Socialista Universitario) que xiraba no espazo do PSI de Tierno Galván.

A memoria priviléxiame, sempre no 68, Martín de Hijas nunha emisión da BBC sobre os movimentos universitarios que perturbaban daquela os plans norteamericanos para Europa. O noso amigo conversou con outros dirixentes do tipo Cohn-Bendit e explicou que a rebelión universitaria tiña no Estado Español características propias. En realidade, e para Martín de Hijas, as moitedumes escolares de aquí non aspiraban a un asalto aos ceos da Revolución e se movían, principalmente, en procura dos dereitos humanos e das linguas e culturas de Galeuska, reprimido todo iso polo réxime oprobioso de Franco.

"Será sempre recordado coma home recto e dotado de vasta cultura científica e humanística"

decoration

Á volta de Londres, Martín de Hijas foi levado a Carabanchel e axiña posto en libertade debido ás presións internacionais. Outra vez máis Martín de Hijas coñeceu a cadea. Isto acontece a raíz de Franco declarar un estado de excepción xeral. Houbo milleiros de detidos e desterrados por todo o Estado Español, co cal se trataba de atemorizar unhas masas disidentes máis e máis mobilizadas.

Alberto foi zarrapechado, xunto cun bo quiñón de antifranquistas, na prisión viguesa de Príncipe. Pero mudaron os tempos e abríronselle as portas ao novo réxime monárquico que a CIA viña cociñando para España desde o “Contubernio de Munich”. E aí atopamos un Martín de Hijas que se une ao PT encabezando a lista desta formación nas primeiras eleccións municipais despois de Franco. Finalmente, Alberto incorporouse ao PSOE e formou parte da corporación municipal de Vigo entre 1983 e 1987.

Será sempre recordado coma home recto e dotado de vasta cultura científica e humanística que el sabía alixeirar con medidas doses de humor crítico. Vaian, nesta sinxela columna, as nosas condolencias á familia de Alberto Martín de Hijas, amigo de tantos anos.

Compartir el artículo

stats