Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

Cegueira

O pasado domingo cumpríanse vinte anos da catástrofe do ‘Prestige’, o desastre ecolóxico que orixinou o nacemento de “Nunca Máis”, un dos movementos cívicos máis impresionantes da historia de Galicia. Imposible esquecer a imaxe das persoas voluntarias (máis de 300.000) enfundadas en traxes brancos, limpando a costa de chapapote mentres as autoridades se pechaban no negacionismo e repetían que aquilo non estaba sucedendo, que non era tan grave, que o fuel se tornaba sólido e os fíos que saían do petroleiro non chegaban á superficie. Ás veces observo a conduta dalgúns políticos e penso que acontece coma no ‘Ensaio sobre a cegueira’, de José Saramago. Na obra do autor portugués, a perda de visión da xente facía agromar os instintos máis baixos da condición humana. Aquí os políticos ven, pero simulan non ver. E esa perda de visión, contáxiase, corre coma un virus e aparece ese concepto que tanto me asusta: a radicalización. Coincidiu cos vinte anos do ‘Prestige’ a manifestación en Madrid pola defensa da Sanidade Pública. Foi impresionante ver as imaxes da capital completamente ateigada de xente que saíu á rúa a berrar basta xa ao desleixo das autoridades, á privatización, ao abandono dun sistema sanitario que están estrangulando ata a asfixia. A conexión coa manifestación do “Nunca Máis” case é poética. As rúas de Madrid foron avalancha e foron un berro unánime. Vimos as imaxes na televisión, na prensa, nas redes sociais. Mais, igual ca 20 anos atrás houbo políticos que negaban que o chapapote estivese devorando o océano e a costa, o perfil público da Comunidade de Madrid criticou a utilización da sanidade para fins políticos e afirmou que o 99% dos madrileños non apoiaran a manifestación, que definiu coma fracaso. O fracaso é ver as marcas de fuel nas rochas da Costa da Morte vinte anos despois, coma cicatrices que nos lembran a catástrofe. Fracaso é a desesperación que senten as nosas persoas queridas que viven en Madrid e afirman que “nesta cidade non podes enfermar”. Pedro Almodóvar asistiu á manifestación. Desde a Comunidade de Madrid axiña fixeron circular unha fotografía do director de cine saíndo dunha clínica privada. Luis Tosar fixo un chamamento para acudir á manifestación do domingo. Acusárono de hipócrita, porque resulta que a súa muller deu a luz nunha clínica privada. Pedro Almodóvar e Luis Tosar pagan impostos en España, mais contribuíron á mobilización para que aquelas persoas que non teñan as mesmas oportunidades ca eles poidan gozar dun sistema sanitario público de calidade. Para min isto non é hipocrisía, é solidariedade. En Madrid (e non só), as listas de espera son inauditas, hai falta de persoal, falta de medios materiais, caos xerado polo plan de reapertura de centros de urxencias extrahospitalarias, cun plan que quere impulsar as chamadas “videoconsultas” e a “telemedicina” como métodos substitutos da atención presencial e que pretenden reproducir noutras Comunidades Autónomas. Mentres isto acontece, a Comunidade de Madrid finxe non ver. As cicatrices desta nefasta actuación son coma as marcas do fuel na pedra. Aínda que as neguen, aínda que opere a cegueira, aínda que finxan non ver, están.

Compartir el artículo

stats