Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Noticias do metaverso

Coido ben, antes de máis nada, que lles debo aclarar a Vdes. que, malia o rótulo que preside esta columna –e malia, asemade, que os protagonistas dos mesmos poidan resultar doadamente moi inefables avatares situados no ciberespazo–, os dous aconteceres que xa seguen, obxecto das presentes liñas, non proceden dos eidos da realidade virtual e/ou das tecnoloxías de terceira dimensión. Polo contario, abrollan os tales desde esoutro territorio do devir cotián dos Madriles. Xa que logo, ocupáronse deles os diversos medios: así os da “villa y corte” como aínda aqueloutros editados en “provincias.”

Pois velaí, daquela e en primeira instancia, que un vehículo de altísima gama –máis en concreto, un impresionante Lamborghini Furacán LP 580 2– foi quedar detido sen remedio e para o abraio de propios e alleos, nestes pasados días, no medio e medio dunha das avenidas máis guays da capital das Españas. Digamos, para os amantes do mundo do motor, que se trata dun cupé de dúas prazas que calza dez cilindros en V con 5.204 cc., o que lle permite atinxir os 300km/h de velocidade punta –o consumo urbano achégase aos 17,2 litros/100 km– e cuxo prezo vén superar os 200.000 euros. O motivo da súpeta paraxe? Pois nin máis nin menos que naquel momento a citada “macchina” espectacular xa non contaba nin sequera cun miserable litro de gasolina no seu, máis que seco, depósito.Punto e parágrafo.

"Telesaúde, teleentretemento, teleeducación... telepatía sen fíos, telequinese e máster do metaverso"

decoration

Canto ao segundo suceso, informan outra volta os diversos medios que, de continuar polos roteiros que agora mesmo transita, Dna. Victoria Federica de Todos los Santos de Marichalar pode converterse moi ben na primeira Borbón –o seu segundo apelido, claro é– da era democrática que vaia carecer de título universitario. Matriculada no The College for International Studies (CIS) de Madrid, tal semella que os seus profesores apenas teñan constancia dela acudindo ás redes sociais e youtubes varios. En fin, cabe subliñar que para entrar no CIS non é necesario en ningún caso presentar aprobada a EBAU –a vella Selectividade, vaia– pero si dispoñer –como no caso do Lamborghini– de 200.000 euros de orzamento toda vez que tal vén ser o prezo –anual!– a pagar no referido centro docente.En fin, inquerida ao respecto polos nosos axentes especiais, Vicky Fedy non tivo reparo en retrucar que o que sucede é que ela vén ser “unha adicta á teleeducación” e de aí a súa incomparecencia nas aulas presenciais. De novo, punto e parágrafo.

“E que teñen que ver unha historia coa outra?” –obxectarán, acaso, algúns e algunhas, mesmo de entre Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais. Nin que dicir ten, tentarei explicarme xa de contado.

“Un coche que custa máis que unha casa e resulta que os ghichos non tiñan para gasolina!”: velaí o comentario inmediato diante do affaire do escintilante bólido estancado no medio e medio da rúa. Sen dúbida, unha apreciación moi espontánea, e incluso lóxica, mais que, na miña estima non se corresponde aínda co fondo último da desfeita. A ver; contemplando sempre que os ocupantes do vehículo non fosen víctimas dalgún dano colateral causado por substancias indecorosas, penso que si cabe considerarmos moito, non obstante, que tampouco eles teñan aprobada a Selectividade nin que se deixen ver así mesmo polas aulas e/ou proximidades dalgunha carísima e privadísima universidade. Traducido: que tamén eles se apuntan, felices, á cousa da teleeducación e etc.

Chegados a este punto, a conclusión do “asunto Lamborghini” ben pode devir niso mesmo que xa segue: se os ocupantes do tal non se achegaron a respostar en calquera gasolineira, a causa non está na falta de efectivo –ou que o crédito estivese en números vermellos– senón que foi debido a que ignoraban por completo que o seu automóbil funciona con semellante combustible. Habitantes arreo do metaverso, todo iso do ciclo de catro tempos, a válvula de admisión, as buxías, cilindros, pistóns…, o veo de manivelas forma parte, para eles, dun territorio tan distante e incógnito como esoutros da sementeira, da recollida da aceituna, a pesca no Gran Sol, as caixas dun supermercado de barrio ou fichar cada mañá nunha oficina bancaria. De aí que, atrapados na particular burbulla, xulgasen absolutamente posible que o aparello funcionase acudindo a Tumblr, Tik Tok ou calquera outra app ou titorial youtube ad hoc.

Promocionan, e non paran, os nosos pais e nais da patria a telesaúde, o teleentretemento e mais a teleeducación. Xa postos, mellor que se decidan pola telepatía (sen fíos) e mais a telequinese: másters do metaverso en acción.

Compartir el artículo

stats