Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Regresar a Vesteiro

Estou co libro poético dun mozo cuxa elocuencia pode ás veces entenderse coma impugnación do vello posmodernismo: Néstor Bacelar, Como galgos incesantes, Medulia, A Coruña, 2022. Esta obra lévanos a Teodosio Vesteiro Torres porque, seguramente, lle portiña algo ao autor. De feito un dos capítulos de Monografías de Vigo aparece dedicado por Vesteiro a Antonio Bacelar Bermúdez de Castro.

Vesteiro Torres naceu en Vigo o 12 do VI de 1847 e tirouse a vida en Madrid os mesmos mes e día de 1876. Antón Alonso Fontán, nun estudo ben documentado, sinalaba a casa natal de Vesteiro Torres polas partes baixas da rúa de Abeleira Menéndez. De expresión castelá e emoción protonacionalista, Vesteiro brillou como autor culto e inclinado á Historia moi na sensibilidade daquel Romantismo que estaba, en Galicia, en proceso de liquidación.

Poeta contido, Vesteiro ventaba en limpias verbas sen esperanza, o seu propio suicidio: “sin madre, sin amigo, sin amada, / caigo en la soledad de este vacío...”. Lendo Celso Ferreira da Cunha, faise indubidábel que lle coubo a Vesteiro a honra en editar por primeira vez en Galicia a poesía completa da Martin Codax de Vigo. Fíxoo en “El Heraldo” (Ourense) con opcións tomadas sobre a leitura diplomática de Ernesto Monaci (Halle, a. S..1875). Aínda que so for por difundir Martin Codax en Galicia, a memoria cultural da cidade de Vigo debería erixirlle a Vesteiro unha estatua ben figurativa e ben contemporánea ou darlle o seu nome a algunha institución condigna.

"Aínda que so for por difundir Martin Codax en Galicia, a memoria cultural da cidade de Vigo debería erixirlle a Vesteiro unha estatua"

decoration

A estancia de Vesteiro en Madrid amosa unha constante que vai da tertulia na cela do padre Sarmiento á do Café de Levante presidida por Murguía e así en pleno eterno retorno a Ítaca. Falamos de galegas e galegos que se reúnen na Corte e forman loxia co pensamento na Patria arredor de Emilia Calé, prima de Teodosio autodenominándose “Galicia Literaria”. Sen estas xuntanzas de salón e de saudade sería difícil comprender a literatura galega consciente da súa condición tal e coma Curros lla explicou a unha especie de Emilia Pardo Bazán que viaxaba no tren dos Pecados Capitais en dirección a Roma no Divino Sainete.

Compartir el artículo

stats