Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

De bolina

Xosé Ramón Pena

'Pongamos que hablo de Madrid'

“Cuando la muerte venga a visitarme/que me lleven al sur donde nací./Aquí no queda sitio para nadie./Pongamos que hablo de Madrid”. Vía Joaquín Sabina, así afinaba estrofas e corcheas o, infelizmente, desaparecido Antonio Flores. “Pongamos que hablo de Madrid”; de acordo sempre co propio mestre Sabina, a canción trata “dunha historia de amor e de odio a unha cidade invisible pero insustituíble”. A ver; coido de certo que non vén ser o presente o lugar máis adecuado para debatermos a cousa de “invisible”. Canto ao de “insustituible”, entendo que así debe de resultar, non obstante, unha vez que, por máis que os versos veñan sentenzar aquilo do “todo completo”, a realidade demostra que non faltan, todo o contrario!, aqueles e mais aquelas a traballaren e desvelaren a diario por achegarse a esa capital de capitais desde a cal, aseguran, é posible atinxirmos as portas do Ceo.

Non provén de Úbeda D. Alberto Núñez Feijóo senón destoutras terras noroccidentais da península Ibérica. Xa que logo, e para alén dos compases sabinianos, cabe supoñer que o flamante novo líder das hostes “populares” teña, acaso, algunha noticia respecto desa historieta referida a dous concidadáns, seus e nosos, que un bo día –e malia que as cousas non lles ían nada mal aos tales por Chamberí adiante– se foron presentar diante do seu patrón para comunicarlle a este que decidiran abandonar, e xa, a “villa y corte.” “Pero…, non os entendo a Vdes. Se é que están contentos co traballo que teñen, co soldo que lles pago e mais co trato da xente… por que teiman, logo, en quereren marchar?” –inqueriunos o, abriado, superior–. “É que verá; élle así talmente como Vde. explica: nós, contentos, si que lle estamos. Pero o que pasa é que aquí, en Madrid…, aquí hai moito rebumbio e nós non somos quen de afacernos a el”. “En fin; pois non sei que dicirlles… E onde pensan ir, daquela?”. “Pois verá, señor: nós volvémonos para España”.

Abrollaba a primavera do 2018. A pesar de parapetarse arreo, e con vigor, tras as páxinas do “Marca”, e logo dos affaires da (non) república catalá e mais a sentenza do Gürtel, Mariano Rajoy –ao cabo “somos sentimientos y tenemos seres humanos”– viuse na obriga de tirar finalmente a toalla. Entón, e para estupefación, pasmo e espanto de todos os barrios de Salamanca que nas Españas houbese, velaí que o advenedizo Sánchez e toda a súa infausta gavela de ministras inclusivas, vermellos infiltrados e coletas ao vento atinxiron, victoriosos/as/es, os despachos da Moncloa. Dito/escrito en castizo, “¡el acabose!”.

Porén, apenas mal recuperadas de semellante desfeita, eis que as mentes máis preclaras da dereita hispana decidiron reunirse axiña en moi secreto conclave. “…E que cousa podemos argallar agora?” –preguntábanse, inquedos, sen atoparen aínda unha resposta convincente diante de tamaña ansiedade. Pasaron e pasaron as horas… Mais de súpeto, e tal e como un novo Arquímedes mergullado na bañeira, alguén foi berrar, alborozado: “eureka!”. E, en efecto, se non as matemáticas, si que a política española viña de sumar en noraboa –é un dicir, claro– un novo principio rexidor.

“Para subir ao Ceo –incluso desde Madrid– cómprelle un ‘poco de gracia y otra cosita’”

decoration

“Sánchez e, en xeral, todos os gobernos socialistas, foron capaces de arribar ao poder –aclaroulles o novo Gran Gurú aos seus parceiros– co apoio, máis ou menos explícito, das autonomías rebeldes (vascos e cataláns, desde logo), as cales unha e mais outra vez foron poñerlles atrancos mil, pedras nas rodas aos dirixentes do PP. É moita hora, daquela, de que lles paguemos con idéntica moeda!”. “Queres dicir que inventemos tamén da nosa parte unha autonomía insurxente para atormentarmos os socialistas e demais patulea? –retrucaron, aínda incrédulos, algúns dos convocados–. E cal podería ser?” De contado, respondeu outra volta o Gran Gurú: “Unha na que haxa moito, pero que moito rebumbio! Poñamos… pongamos que hablo de Madrid”.

Rebumbio, ruído, batifondo, confusión… O único problema, iso tamén, é que, ás veces, semellante algazara ben pode transformarse nunha sorte de auténtico “fogo amigo”. Así as cousas, o dilema consiste en acertar se os oídos de D. Alberto, ata agora tan só afeitos ao doce canto matutino dos paxariños galaicos, dan ou non dan para tanto. Mais, en fin, xa advertía ben outro cantar –e este non é de Sabina– que: para subir ao Ceo –incluso desde Madrid– “se necesita un poco de gracia y otra cosita”.

Compartir el artículo

stats