Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

CAMPO DE GRANADA

Manuel Bragado

Vigo en corso

Desde que Juan Miguel González Fernández, un dos grandes historiadores da cidade e fundador do Instituto de Estudios Vigueses, publicara no cuarto número de 'Glaucopis' (1998), a revista anual do IEV, o seu referencial artigo “El corso vigués del siglo XVIII”, ampliado nos seus numerosos traballos posteriores sobre a historia de Vigo na Idade Moderna, a práctica corsaria é entendida como un dos piares que explican a transformación de Vigo de aldea medieval á cidade portuaria atlántica que coñecemos. Unha tese referendada e ampliada no recente libro do arqueólogo mariño e historiador Ramón Patiño Gómez, “El corso en la ría de Vigo y en las islas gallegas. Siglo XVI-Siglo XVII” (Instituto de Estudios Vigueses 2022), obra monumental de case catrocentas páxinas, froito dunha concienciuda e pioneira esculca documental sobre o tema nos arquivos, singularmente os de Indias e Simancas, na que se explica a transcendencia deste fenómeno na actividade portuaria viguesa, dende a chegada da carabela ‘A Pinta’ a Baiona até a batalla de Rande, dous séculos decisivos nos que Vigo fraguou o seu papel hexemónico no comercio naval da península e achou unha vía de capitalización que permitiu o seu desenvolvemento como cidade ao longo dos séculos posteriores.

Comeza Patiño aclarando conceptos sobre o corso e o seu exercicio, salientando o seu carácter de actividade marítima privada regulada pola Coroa. Un lucrativo negocio consistente en aparellar e artillar naves de cabotaxe para apresar buques mercantes de países inimigos coa finalidade de desvalixalos, mais para o que se requiría contar coa autorización do goberno que lle proporcionaba ao armador a patente de corso, unha licenza en forma de carta (de represalia, contramarca ou marca) na que se lle autorizaba a facer o corso e se sinalaban as normas específicas para abordar, rexistrar, deter e tomar posesión deses buques, así como o período de actuación e os lugares onde facelo. Actividade lucrativa tamén para a Coroa xa que obrigaba aos corsarios a depositar unha fianza, por se non se cumprían as normas establecidas na patente, e a que as presas fosen sometidas ao arbitrio dos tribunais que determinaban se eran boas ou malas. Patiño refírese despois á historia da actividade corsaria, que no caso galego se remonta ao tempo de Xelmírez, arredor do ano 1125, aínda que non sería regulada até 1621, cando Felipe IV ditou a primeira “Ordenanza da súa Maxestade para navegar en corso”, ampliada e actualizada ao longo do século XVIII en varias ocasións, a derradeira en 1801, até a abolición desta actividade polo Tratado de París de 30 de marzo de 1856, ao que España tardaría tres décadas en adherirse.

“Constitúe o miolo da obra de Ramón Patiño Gómez o relato detallado da actividade corsaria na ría de Vigo e nas illas atlánticas”

decoration

Constitúe o miolo da obra de Ramón Patiño o relato detallado da actividade corsaria na ría de Vigo e nas illas atlánticas, dende os seus antecedentes, que identifica antes da chegada dos romanos coa presenza regular dos púnicos nas costas nosas, como testemuñan vestixios como os ídolos de Toralla, pasando polo comercio marítimo da época romana, a aparición dos piratas viquingos e normandos a partir do século IX, en virtude do chamado “dereito do puño”, o dereito do máis forte para apoderarse dos buques do inimigo, até a chegada dos sarracenos a partir do século X. Crónica que Patiño amplía mesmo á navegación pesqueira, na que documenta en 1255 a presenza de pescadores portugueses na ría de Vigo ou as primeiras expedicións dende o porto de Baiona xa en 1541 para chegar ás costas de Terranova, “terra dos bacallaus”.

Con todo, o lectorado atopará a cerna da esculca de Patiño na crónica, enfiada década a década, do sucedido nos séculos XVI e XVII, auténtica idade de ouro do corso na costa galega, así como na recuperación dalgúns documentos e os seus oportunos comentarios, algúns tan interesantes como o fragmento do “Atlas do Rei Planeta” (1634) do cartógrafo portugués Pedro Teixeira que relata o seu percorrido pola costa galega en 1621. Xaora, a obra de Patiño ten grande importancia para a historiografía viguesa por demostrar que a corsaria foi unha das actividades económicas que forxaron o destino de Vigo, xunto á pesqueira, industrial e comercial vinculada con América e cos portos do Norte de Europa. Unha actividade corsaria de cabotaxe consolidada na segunda metade do século XVII que permitiu incrementar as achegas de Vigo ás arcas reais, ao tempo que pulou pola actividade dos comerciantes vigueses, incrementou á poboación da vila até preto dos 3.000 habitantes, e iniciou o carácter cosmopolita do seu porto, considerado base corsaria multinacional, onde bulían tripulacións de orixe diversa.

Parabéns a Ramón Patiño por obra tan relevante como aos responsables do IEV pola súa incesante actividade investigadora e editorial a prol da historia da cidade da que se cumpre xa 30 anos.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats