Eduardo Chao Fernández naceu en Ribadavia o día 5 de Novembro ou Santos de 1821. Agora, a nosa columna celebra os douscentos e un anos do acontecemento. Para a ocasión fixemos relectura do seguinte libro: Eduardo Chao (ex-ministro de la República). Estudio biográfico por Manuel Curros Enríquez, Madrid (Fernando Fe) e Habana (La Propaganda Literaria), 1893.

A obra, brillante e inquietadora como é hábito no autor, leva un lema do Petrarca, que traducimos: “...veredes / un cabaleiro que Italia enteira honra / preocupado dos outros, non de si”. Na dedicatoria escrebe Curros: “Á cidade de Vigo, patria adoptiva de Eduardo Chao. O Autor”. O Curros menos divulgado, que é o que respira no letargo das bibliotecas e das hemerotecas, loce nesta comprida evocación do Chao que fora seu mestre. Curros non agacha a admiración que lle suscita a persoa civil, moral e literaria do político e polígrafo ribeirao e vigués. De xeito que o de Celanova permite que lumbriguen aspectos de si propios e que as almas de biógrafo e biografado se confundan, ao modo místico, nunha soa flama romántica e revolucionaria.

Destaca nesta obra a persoa de Xosé María Chao, pai de Eduardo e dos seus irmáns, suxeito novelesco no que se fundían as facultades do naturalista, do mecánico, do filósofo, do antiabsolutista radical. Este boticario Xosé María semella anunciar as personalidades de Eduardo e de Alexandre, o irmán editor e destacado protonacionalista. Chama a atención a identidade profunda establecida entre Eduardo Chao e a que Curros chama a súa “patria adoptiva”, ou sexa a cidade e porto de Vigo.

Xosé María Álvarez Blázquez reparara nesta leal predilección que o tribuno e publicista amosou por Vigo durante toda a vida. A ollada de Chao sobre Vigo contén a profecía dunha grande urbe atlántica ou da cidade galega hexemónica nun futuro próspero e fabril tal como, moitos anos despois preconizarían o filósofo Eloi Luís André, Valentín Paz Andrade, Fermín Penzol, Castelao e outras mentes vivas do mellor e máis avanzado nacionalismo galego.

Eduardo Chao foi republicano, demócrata e progresista. Isto é: aberto aos ventos que fixeron ondexar as bandeiras vermellas da Comuna de París, e morreu en 1887 sendo refractario ao réxime da I Restauración Borbónica. Curros, un dos grandes da poesía galega de todos os tempos, sentiu admiración sen límites pola figura intelectual, política e humanista deste repúblico e escritor enciclopédico. Conmemoramos o nacemento de Eduardo Chao achegando a súa lembranza á de Curros Enríquez nesta nota mínima escrita precisamente en Vigo.