Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

O regreso de Lula

Rictus acedo amosou Bolsonaro ao mundo cando se despediu, con tópicos arcaizantes, da presidencia da República Federativa do Brasil; país, este, cuxa plenitude soe ser adiada para o futuro. De novo acada o poder máximo de alí, Luiz Ignácio da Silva, Lula, un dirixente que intenta moverse cara a síntese final da humana contradición. Coméntanse, e moito, as dificultades que terá que superar Lula, cunha oposición parlamentaria radical e numerosa, para executar políticas de Libertade, Igualdade e Fraternidade (o triángulo segue estando aí).

Preocúpame a posibilidade de que o Partido do Trabalho e a combinación que consiga artellar un Lula asediado, non poida dar pasos avante. En Brasil non existe un exército con cadros nacional-populares e de esquerda: a foxa feixista ameaza sempre co seu bocexo preto. Por parte, increméntanse as chamadas ao centro, o que equivale a pedir garantías para o grande capital e sumisión á política internacional marcada polos EE UU. Human Rights Watch, como fonógrafo da CIA, xa lle está a indicar roteiros ao presidente Lula facéndolle lembrar o seu predecesor Jánio Quadros e outras estorias máis ben feas.

Lula, abofé, é tan constante coma prudente e pode combinar a audacia con tacto de veludo, dígao sen non X. M. Beiras que coñece ben o novo presidente brasileiro. Coido a Lula capaz de lle imprimir un novo rumo ás varias, e moitas, esquerdas gobernamentais latinoamericanas e lograr que, as máis tímidas ou abafadas hoxe, provoquen as mudanzas necesarias para ben das maioranzas sociais.

“Lula estaría en condicións de contribuír, de modo efectivo, á creación dunha nova política internacional e de anovamento da ONU”

decoration

O Brasil de Lula pode facer rexurdir da cinsa a CELAC (Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños) ou a UNASUR (Unión Sudamericana de Nacións) disminuíndo a OEA (Organización de Estados Americanos) que constitúe un instrumento de Norteamérica coñecido noutros tempos co alcume, tamén fonográfico, de “a voz do seu amo”. Igualmente sería quen Lula de reactivar o BRICS, do que el mesmo fora fundador e no que figuran China e Rusia. Se o feixismo e o exército llo permitiren, Lula estaría en condicións de contribuír, de modo efectivo, á creación dunha nova política internacional e de anovamento da ONU. Multilateralismo, en suma, que hoxe está ameazado de morte por unha tormenta cuxo centro se sitúa en Ucraína ou sexa en Europa.

Compartir el artículo

stats