Nos últimos tempos a miña presencia en pasamentos e funerais, ás veces de familiares, outras de amigos, coñecidos e veciños incrementouse dun xeito proporcional xeometricamente aos anos que, pouco a pouco e sen decatarme a penas, fun acumulando, afortunadamente. Ao principio este ritual de ir dar o pésame e acompañar na súa dor aos deudos ao despedirse dos seus seres máis queridos resultaba oportuno e mesmo intranscendente para min, bastante máis novo, porque se espraiaba no tempo. Evidentemente, sentía que aqueles que marchaban o facían para sempre, mais tamén tiña claro que é lei de vida e mesmo os que despediamos daquela non eran da miña xeración, polo que vía a cousa algo así como dende o patio de butacas asistir a unha función de teatro, o de ver os toros dende a barreira.

Pero nos tempos que corren a situación mudou sen prestarlle atención, así polo miúdo, pinga a pinga, día a día, e as visitas ao cemiterio e os tanatorios fóronse incrementando dun xeito natural e preocupante. Dar o pésame estase a converter en algo reiterativo, desgraciadamente.

Primeiro foi a dicir adeus aos pais, aos tíos, aos parentes máis achegados, logo tocou despedir a un veciño, máis tarde foi un amigo da nenez e así fun reparando no pequeno detalle de que pasamos de estar na retagarda a ser os de primeira fila, a próxima xeración chamada a facer mutis polo foro e emprender a marcha irremediable cara o descoñecido e frío da nada, no que consumir o tempo ata a eternidade no interior escuro dunha tumba, baixo a lápida de mármore que será a nosa ultima morada. Dende logo, nada novo, pero non por iso menos aterrador.

A morte da medo, pánico e mesmo cando se pensa nela resulta que non é nada natural, mais ben provoca unha paralizante tristura que encolle o corazón. Miramos cara adiante para vivir, porque o único realmente importante é a vida, esa mesma que lamentablemente estragamos, moitas veces en naderías, rancores, odios e outras bobadas, se o pensamos ben, para ao final decatarnos do estúpidos que fomos, pero entón a cousa xa non ten remedio.

Agora, como cada ano, toca visita os cemiterios. Flores, limpeza das tumbas, quitar musgo e ramalladas, tal vez recordar os que alí quedan, mesmo botar máis dunha bágoa, por que non? Somos así e dende logo é lóxico pensar que continúan vivos, aínda que saibamos que non, pero nos nosos recordos si que viven e mesmo se facemos un exercicio de ollada interior quizais os vexamos de novo, alegres, felices, bicándonos, apertando as nosas apertas, falándonos, paseando ao noso carón, coidando de nós, como sempre fixeron.

Ver a morte como remate de todo resulta lóxico e natural, aínda que doe, o que non é de recibo é facer dela unha festa na que prevalezan os intereses comerciais, o merchandising dos americanos, e o seu antinatural Halloween, eles e a súa manía de facer negocio de todo. Outra cousa é como fan algunhas culturas latinoamericanas, pasar o día no cemiterio, mesmo levando a comida, e compartila en amiganza con eles, porque para moitos de nós ninguén morre definitivamente en tanto quede vivo alguén que garda o seu recordo con agarimo.