Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

Truco ou trato?

Estes días previos á efeméride de Todos os Santos avanzan entre cabazas, ósos de santo e o atrezzo gótico que decora os escaparates dos comercios. Saben por que se tallan os calacús con esas expresións terroríficas? Se comparten comigo a fascinación polas historias de medo coñecerán a lenda irlandesa de Jack O’Lantern. Este era o nome co que se referían en Irlanda ás cabazas talladas, malia que orixinalmente eran nabos o que se iluminaba. Hai que empezar pola noite do 31 do outubro ao 1 de novembro, que marcaba o inicio do que os celtas chamaban “estación escura”. En realidade celebrábase o final da temporada de colleitas, e a tradición establecía que todo o que non se colleitara ata esa noite debía permanecer nos campos para os espíritos. Esa noite ten moitas denominacións. A min gústame a de “Noite da Cea silenciosa”. A noite do 31 de outubro sería o equivalente ao noso 31 de decembro, cunha singular diferenza: na noite da cea silenciosa desaparece o veo invisible que separa o mundo dos vivos do mundo dos mortos, e as ánimas poden circular libremente entre nós. É unha noite atemporal, que non pertence nin ao ano vello celta nin ao novo, un período sumido nun limbo. E nesa madrugada é cando é posible ver a única criatura que foi quen de enganar o diaño. Chamábase Jack e en vida era un granxeiro avaro, mentireiro e trampón. Tal era a súa reputación que o diaño veu a este mundo disfrazado de home para coñecelo. Estiveron bebendo nunha taberna durante horas e o diaño puido comprobar que Jack era unha persoa desprezable. Tanto, que decidiu revelarlle a súa verdadeira identidade. No momento de pagar a conta ningún deles tiña cartos, así que Jack retou ao diaño e díxolle que, se de verdade era quen afirmaba ser, tomase forma de moeda para poder pagar a conta. O diaño transformouse en moeda, pero Jack non pagou. Gardouna no peto, onde tamén levaba unha cruz de prata que roubara na aldea. O diaño perdeu os poderes polo contacto co crucifixo e quedou atrapado dentro do peto. Esixiulle que o liberase, mais Jack ofreceulle un trato: liberaríao se regresaba ao inferno e non o molestaba durante un ano. Cumprido o tempo, o diaño volveu a por Jack. El aceptou o seu destino, pero fixo unha última petición: quería probar o seu derradeiro bocado, que consistía nunha mazá. O diaño accedeu e subiu á maceira. Cando estaba no alto, Jack tallou unha cruz no tronco para que non puidese baixar. O diaño esixiu que o liberase e Jack accedeu a cambio dun trato: que marchase de volta para o inferno e non o molestase durante dez anos e nunca puidese reclamar a alma de Jack. Cando Jack morreu, foi rexeitado no ceo pola vida que levara. Entón acudiu ao inferno, mais tampouco o deixaron entrar. Estaba perdido no medio da escuridade, sen ter onde ir. Daquela, o diaño lanzoulle unha brasa de lume do inferno. Jack baleirou un nabo, que era a súa comida favorita, meteu a brasa dentro e desde entón vaga sen rumbo, buscando un lugar onde poder descansar, nunha noite que nunca remata, coa única luz do seu farol. Se se cruzan con Jack na noite do 31 recoméndolles que boten a correr e, sobre todo, que non fagan con el ningún trato.

Compartir el artículo

stats