Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

De bolina

Xosé Ramón Pena

De tradicións e de gilis

Coido ben que todos os –sempre moi amables– lectores destas crónicas semanais han de estar, con certeza, ao cabo da antipática noticia, toda vez que veu ocupar páxinas e comentarios nos diversos medios escritos, correu polas redes sociais, así como atinxiu esoutras portadas de programas de radio e televisión. Nin que dicir ten, estoume a referir ás vergoñentas imaxes nas que un grupo de alumnos do Colexio Maior Elías Ahuja de Madrid se foi dirixir ás súas compañeiras, próximas, do Colexio Maior Santa Mónica –ambos centros adscritos á Universidade Complutense– mediante berros e acenos ofensivos, de nítida filiación machista –cando non paranazi–, absolutamente indignos para calquera persoa minimamente civilizada. Por fortuna, foron moitas –e continúan a selo– as voces que se ergueron diante de semellante actitude propia de vándalos, cafres..., verdadeiros cavernícolas –e dito/escrito vaia con perdón de tales xentes– merecentes de todo o noso desprezo. Mais o certo é que tamén acontece o, triste, caso de que, a pesar de todo, aínda resten neste país de países algúns –e algunhas!– que ou ben tentan edulcorar semellante comportamento (“apenas unha broma que foi demasiado lonxe”) ou mesmo proceden a xustificar a borricada aducindo que, no fondo, todo se debeu á persistencia “dunha tradición universitaria”: unha práctica, costume, daquela, que outros cualifican como rémora, lastre ou herdanza dos tempos do franquismo, a persistir na nosa sociedade. En calquera caso, e en nome da memoria histórica, trátase dunha análise que, polo menos na estima deste cronista, cómpre precisar con nitideza. Nin que dicir ten, tentarei explicarme de contado.

Antes de pregar “una sonrisa de complicidad”, destacaba Loquillo que “mi familia no son gente normal/de otra época y corte moral”. Pois ben; debo consignar que vivín a miña infancia, adolescencia e mocidade na xeira dos anos finais da ditadura –e tamén da denominada “Transición”– nunha casa máis que arredada de calquera afinidade respecto do franquismo. Non obstante, próximos a nós –e mesmo bos amigos– habitaban outras xentes que, se ben non se identificaban de forma directa co Réxime, si que permanecían nunha actitude de transixencia pasiva respecto daquel. Xa que logo –e mesmo que, en efecto, se tratase “de otra época y corte moral”, como acontece na canción–, non podo anotar en ningún caso que xeitos como os practicados desde as fiestras do Colexio Elías Ahuja fosen levados a termo, nin sequera xustificados e/ou aplaudidos, nin polos uns nin polos outros, para alén da adscrición política de cadaquén. Alumno na Universidade de Santiago de Compostela nos anos 70 do pasado século, si que souben –e incluso coñecín algún protagonista– dos procederes e condutas idiotas de determinados membros dalgún colexio maior compostelán –e disimulen Vdes. que non escriba o rótulo do mesmo– moi semellantes, por non dicir idénticas, desoutras dos energúmenos do Ahuja. Mais secasí, a memoria histórica certa daquela xeira revélame que non só eu e mais o meu círculo, senón a inmensa maioría dos nosos compañeiros (e compañeiras, desde logo), considerabamos como auténticos “pijos” estúpidos, fachas descerebrados…,en fin un auténtico fato de gilipollas –e de aí o título que preside as presentes liñas– a tal colección de badulaques a enfouzaren de imbecilidades as nosas aulas. Como así mesmo sucede que xamais asistín tampouco ao aplauso, panexírico ou desculpa de actos de violenxia de xénero no meu entorno. Viviamos, reitero, noutra “época e corte moral” e nada máis lonxe de min que relativizar os roteiros ditatoriais. Porén, “amicus Plato sed magis amica veritas”, a realidade é que xa daquela había que ser un absuluto fascista brután, situado na extrema dereita do propia ditadura, para violentar –ou admitir a violentación– da dignidade dunha muller e/ou para identificarse cos nazis a cara descuberta. Polo contrario, a sociedade española tardofranquista –á dereita e á esquerda– buscaba cada vez máis identificarse co exemplo democrático europeo; os máis espabilidados do Réxime procuraban, á súa vez, silenciar os berrros do pasado mentres se maquillaban a toda présa diante do espello. Que lle queren, así é como se conduce a historia.

"Non existe ningunha tradición que avale, protexa ou exculpe a impudicia moral"

decoration

Non existe, en consecuencia, ningunha tradición que avale, terme, protexa, exculpe... actitudes como as que vimos de denunciar ao longo destas liñas. A non ser que se trate dalgún ritual procedente do Parque Xurásico –e cabe pensar que nin sequera os velociraptores de Spielberg participarían do mesmo–, pretender alicerzar no pasado os argumentos dunha babecada non constitúe máis que a rídicula evidencia dunha impudicia moral. Polo demais, canto a esoutros a actuaren de “palmeros”, coido moi sinceramente que os tales deberían cambiar canto antes de proveedor. Porque pode acontecer que, en efecto, habitemos agora mesmo en tempos revoltos; porén, máis cedo ou máis tarde, nounca haberá futuro para semellante xentalla.

Compartir el artículo

stats