Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Luces de Marcosende

Coido que foi no ano 1980 cando Álvaro Cunqueiro, na fin da súa vida, recibiu unha homenaxe de masas na cidade de Vigo. Após da inauguración da rúa que leva o seu nome, houbo un xantar no que Cunqueiro, usando de elocuencia maior, enfrentouse ao curso da Historia vaticinando “mil primaveras máis para a lingua galega”.

Houbera uns días de acíbar na vida de Cunqueiro nos que coñeceu a desfeita persoal en Madrid, e el regresou a Mondoñedo. Por volta de 1950 era director de FARO DE VIGO Francisco Leal Insua. Resgatou Leal daquelas sombras o Cunqueiro danado, que, deseguida se puxo a producir colaboracións neste xornal que o lector sostén nas mans. Logo, Cunqueiro foi redactor, dirixiu o xornal e fixou a súa residencia en Vigo.

Cumieira das Letras é o título dunha revista que acaba de saír á luz como órgano do departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, nos altos de Marcosende e ao coidado de Alexandre Rodríguez Guerra como director e Ana Acuña en calidade de secretaria. O número 1 desta publicación de ciencia literaria está consagrado a aspectos da obra de Cunqueiro tal como ela é percibida por un conxunto de autoras e autores: Xosé-Henrique Costas, Manuel Forcadela, Iago Castro Buerger, Marta Mariño Mexuto, Miguel González Somovilla, Rexina R.Vega, Armando Requeixo, Xesús González Gómez e César Morán. Colaboracións de Patricia Arias Cachero e Moncho Iglesias Miguez non nos deixan esquencer que nos achamos diante dunha publicación que vai prolongarse no futuro.

Ocupémonos, sequer fugazmente, do contributo de Costas, Forcadela, e Castro Buerger. Entréganse nel ao lector, extraídos do refugo do pasado, poemas de Cunqueiro que foran rascuñados cando el non contaba senón dezaseis ou dezasete anos. Os investigadores recuperan vestixios procedentes de varios estratos e en estados diferentes de conservación. Deixan que, á crúa luz do presente, amosen a súa gloria os materiais do pretérito. Así era o poeta cando mozo; non sabemos se verme ou crisálida da bolboreta que encheu de ledicia varias xeracións de lectores galegos.

Un aspecto deste estudo filolóxico énos especialmente caro. Refírome á colección de cántigas galegas apañadas do pobo ou creadas polo poeta cando non modificadas tenuemente cun toque maxistral. As coplas en que traballou o Cunqueiro mozo fannos acordantes de Cantares Gallegos e, tamén, do prodixio que é a Antífona de Cabanillas ou da complexa dimensión popularista que irmanda Cunqueiro con Lorca, Villon ou Brassens. A Universidade de Vigo réndelle a Cunqueiro unha bela homenaxe.

Compartir el artículo

stats