Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

‘Unicorn Wars’: o preciosismo radical

Tiven ocasión de asistir á preestrea de ‘Unicorn Wars,‘ a última película do director coruñés Alberto Vázquez. Os cines dos Cantones acolleron a proxección deste filme que é unha producción galega, vasca e francesa, onde participan Abano, Uniko e Auteur de minuit. Máis de dez anos de traballo neste filme de animación de fantasía para público adulto. A aposta é tan arriscada coma libre. Precisamente a liberdade é a marca de estilo do equipo que lidera Alberto, e o que provoca que esta película sexa unha obra de arte, no sentido máis literal da expresión. ‘Unicorn Wars’ rebenta diante do espectador coma un arando maduro. Isto sería imposible sen ese cariz de independencia que o envolve coma celofán.

‘Unicorn Wars’ é unha peza de preciosismo radical que cabalga entre o tenro e o violento, entre o naïf e a furia. No medio da guerra ancestral entre os osiños de peluche e os unicornios, Azulín e Gordi, dous irmáns que funcionan coma unha versión actualizada de Caín e Abel, adestran coma recrutas no Campamento Corazón. Seguen as ensinanzas do Libro Sagrado, que recolle que quen beba o sangue do derradeiro unicornio renacerá transformado nun novo ser eternamente belo. Azulín e Gordi parten co resto do pelotón cara ao Bosque Máxico e esa viaxe será unha viaxe tan punki coma psicodélica. Estamos diante da obra máis madura de Alberto Vázquez, onde explota o seu propio universo ata romperlle as costuras. ‘Unicorn Wars’ é un traballo de artesanía visual. Cada escena é unha ilustración que estimula os puntos quentes do cerebro. E cando estás dentro desa festa de cor, deses lagos onde se reflicten as criaturas máis lindas do bosque, onde a beleza é un bálsamo, estoupa unha bomba que rebenta o mundo e fai confeti coas entrañas.

Unha imaxe de ‘Unicorn Wars’.

Fun ao cine coma quen ten a oportunidade de abrir unha caixa de música, meterse dentro e acubillarse en posición fetal. Tiña unha curiosidade inmensa por saber que me deparaba aquel transo, sabendo que ía atopar sorpresa e marabilla. E cruzáronse por diante de min flashes de ‘La aldea del arce’, de ‘Bambi’, de ‘Apocalipsis Now’, dunha misa de domingo. Analizando os personaxes pensei no comandante da Luttwaffe Hermann Göring, en Darth Vader, e tamén en David Lynch, e no animador Hayao Miyazaki. E cando tiña atrapada esa referencia, sucedía algo que a rompía. No fondo iso é ‘Unicorn Wars’: a capacidade de romper(nos). Tardei varios días en dixerir o filme. A película atravésate e, malia que tiven que pechar os ollos moitas veces durante a proxección, queres volver. A fortuna é que, desde o venres, está nas salas. En Vigo poden vela nos emblemáticos Multicines Norte ou na Plaza Elíptica. No resto de Galicia chegará a Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e A Coruña.

Se algo podo afirmar é que esta longametraxe hai que vela en pantalla grande. E cando saian do cine pensarán en como é posible que un galego se atrevese a debuxar unicornios negros. E aplaudirán con entusiasmo o talento e a liberdade. ‘Unicorn Wars’ é belísima e atroz.

Compartir el artículo

stats