Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Máis Cornide Saavedra

Xosé André Cornide Saavedra (1734-1803), no único retrato del que eu coñeza, ergue os sobrecellos e distrae a vista ao lonxe tal coma se quixese aforrarlle ao espectador o incomodo dun fitar directo. Na estampa, o polígrafo non gasta toga senón casaca de gola dobrada que lle confere un ar politécnico e vagamente prusián. Dous rulos perfectos na perruca non abondan para lle cubrir as orellas e permiten o esplendor da fronte e máis a patencia dun rostro carnoso.

Certa mina secreta vai e vén da efixie de Cornide ás volutas e curvas rococó da súa casa da cidade da Coruña. Reimundo Patiño soía arlotar con que a ialma (sic) de Cornide entrara no corpo de Carlos Martínez Barbeito, escritor e erudito que debe ser lembrado, entre outras cousas, coma o máximo coñecedor do século XVIII galego. A Barbeito debémoslle o achádego do Catálogo de voces galegas de que é autor Cornide. Igual que lle debemos a Murguía que fixese espertar do sono dos arquivos os tres poemas galegos de que foi autor quen suscita agora a nosa atención.

Entre estas tres luces arde a excelencia dun soneto que xa citamos na nosa columna pasada. Titúlase “A Filida” e desatraca con este cuarteto: “Viche, Filida amada, o paxariño / que, arando deses aires nas campiñas, / descoidado se achanta polas liñas / que cauto cazador pos no camiño?”. Estes versos, cos do resto do poema, adoptan a forma dun soneto de reflexos múltiples cuxo centro é un amor imposíbel e cuxo asunto bota man do símil dun paxariño desgrazado. Todo nos leva, así, á poesía de Catulo e ás paixóns wertherianas que azoutaban as sensibilidades europeas dos tempos de Cornide poeta e, quizais, verdadeiramente namorado.

Compre lembrar que este soneto, cos outros dous poemas galegos de Cornide, coñeceu unha nova vida o 23 de abril de 1959, que foi cando Xosé María Álvarez Blázquez deu á luz, en Galaxia e nos Talleres Faro de Vigo, a súa Escolma de Poesía Galega. Do século XIV ao XIX. Alí o inesquencíbel sabio e poeta con rotundidade inapelábel estableceu para sempre que “Á Filida” é a mellor composición poética dos tempos da nosa Decadencia.

Diciamos aí atrás que o plenario do Concello da Coruña acordou dar un paso adiante na recuperación da casa de quen foi rexedor perpetuo da cidade, ou sexa, Cornide. Moito se fala, e esbardalla, na actualidade, de temas relacionados coa Memoria Histórica na súa relación coa política de superficie no actual réxime monárquico español. En troco de mansións fastuosas coma as Torres de Meirás e a Casa de Cornide, Franco permitiu o expolio das mellores bacías fluviais da Patria, entre outras miserias e horres verdadeiros.

Compartir el artículo

stats