Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Bernardino Graña: “Laus et iubilatio”

Bernardino Graña fixo os noventa anos sobre a pel do mundo e eu entro á celebración felicitándome por me ter sido dada a convivencia con el en días de difícil aprendizaxe e varios entusiasmos. “A mí dejadme amar el suelo duro / haciendo lentamente en él mi paso, / sintiendo que camino hacia un ocaso / acaso irremediable que no eludo”. Estes versos modulados na lingua de Ridruejo e de Rosales, comezo dun soneto memorábel de Bernardino Graña, chamou a atención en círculos literarios españois ao veren a luz na Antología poética (Rumbos, Madrid 1952).

Daquela, Bernardino era de obra de 20 anos. Ramón González- Alegre, sempre á espreita de novas voces poéticas no seu observatorio das Travesas, incorporou o xove Graña á redación da revista Alba e prestoulle atención no libro, de influencia canonizante, Poesía Gallega Contemporánea.

Pouco máis tarde, Bernardino sacaba á luz o seu primeiro libro de versos: Poema do home que quixo vivir (Brais Pinto, Vigo, 1958). Naquel intre, o noso poeta entraba na plenitude adoptando, para sempre, o galego como a súa (e única lingua) literaria. E Bernardino Graña despregou un intenso labor lingüístico que se centraba no estudo e sistematización do léxico do seu Morrazo nativo, especialmente no relacionado co mar e coa navegación. Foi entón cando lle entrega a Del Riego un vocabulario de termos navais que pasaron ao Dicionario de Eladio Rodríguez González que Galaxia editou.

"Bernardino Graña invítanos a afondar na riqueza innumerábel da lingua galega"

decoration

Desde aquela, Bernardino Graña invítanos a afondar na riqueza innumerábel da lingua galega que canta nos peiraos, nas rulas ou lonxas de subasta e a bordo dos barcos que ostentan con orgullo os números dos folios departamentais de Galicia. Así as cousas, Graña publicou Profecía do mar en 1966, libro marítimo de dición grandiosa e ricaz que representa unha excelencia multiforme e colorida coma a aurora boreal. O Bernardino cósmico e materialista amplíase en libros poéticos posteriores e eríxese en educador de varias xeracións de lectores galegos.

O dito é apenas unha sorte de borrador da historia interna da poesía de Bernardino Graña en cuxas mastros e vergas renxe a constante vindicación nacional e social así coma o élan manuelantoniano de dar vencido a corda frouxa do horizonte. Poeta si, e tamén narrador, ensaísta e autor dramático que non sei se algunha vez viu representada a súa notabilísima peza de intriga Vinte mil pesos crime. Parabéns ao altísimo poeta e mellor ourive da lingua nosa, por falar con verbas do Dante.

Compartir el artículo

stats