Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Escandallos en Madrid

Malia os máis de 1.500 kilómetros de costa que temos en Galicia e a riqueza incesante que nos proporcionan, a representación de palabras relativas ao mundo do mar e da pesca é escasa e deficiente no dicionario da RAG. Como limitada e deficiente é a acepción que recolle de “escandallo”, palabra de orixe catalá (“escandall”), que compartimos con outros moitos idiomas románicos. A definición –“instrumento que consta dun chumbo suxeito ao extremo dunha corda que se emprega para sondar a profundidade do mar ou dun río”– ignora, en primeiro lugar, que o chumbo non é parte esencial do instrumento, que pode ser de pedra, de ferro ou de calquera outro material pesado, e non matiza a necesaria concavidade que debe ter para poder recoller mostras do tipo de fondo que sonda: area gorda, fina, cascallos, fango, que determinan o tipo de pesca que se pode tomar. Con tal fin ese oco estaba reenchido de sebo para que conseguise a adherencia necesaria do material que compón o fondo que exploran. De aquí que tamén se chamese “sebeiro” en moitos puntos das nosas rías este aparello.

Curiosamente, toda a cartografía mundial, guía de navegantes, ata hai ben poucos anos debe a súa configuración a este sinxelo e artesanal aparello, unha pedra con sebo. E ignora, por conseguinte, a definición da RAG outro aspecto relevante, o escandallo non é soamente unha sonda para aquilatar a profundidade dos fondos mariños e fluviais, serve esencialmente na pesca de baixura, con artes tradicionais que se seguen a conservar milagrosamente, para saber o tipo de pesca que se pode tomar. Se o fondo é fangoso (de “fango”, catalanismo extendido universalmente), xa que logo chan, alí poden tomar rodaballo, linguado, solla, raia, rape etc. Se o chan, detectado polo escandallo é areoso, onde hai rochas, as especies que se poden tomar serán robalos, sargos, abadexos, congros ou fanecas, tal como nos explica sabiamente o noso amigo Nerium, gran poeta, o mar feito palabra, no Museo do Mar de Fisterra.

"Xustifican a presenza de escandallos en Madrid, para non embarrancar nun lombo de área"

decoration

Un capítulo menos visible deste noso dicionario náutico é a teimuda e inxustificada presenza en Madrid de numerosos escandallos, non destinados precisamente a sondar o regato denominado Manzanares. Estoutros escandallos madrileños, que tamén sondan e exploran o chan que pisan, son os xogadores de truco que, como dicía Manoel Antonio, non nos comprenden aos que sempre facemos 30 cando o xogo é a 31. Eles son xogadores de 31 que sempre fan 32. Estes, aspirantes a formar parte do séquito do poder vaticinado, presentan libros en Madrid, escriben crónicas esperanzadas, falan do bilingüísmo armónico etc. Con razón o citado Manoel Antonio apostilaba no seu centenario manifesto Mais alá! que “ista gafualla, de ser leigada a si mesma, debera irse, por exempro, a Madrí… Pero é a nosa disgracia que non só non fan iso sinón que aínda teñen o pretendimento, que en parte conseguen, de pasar por persoeiros d´a nosa cultura…”

Son, en definitiva, os que se cren galegos por “seren nacidos” en Galicia do mesmo xeito que os que se cren violinistas por ter un violín na súa casa.

Mágoa que a actualidade marcada pola prensa rosa e pola crise última, distinta da que sucederá mañá, non nos permita observar estes movementos tácticos que, paradoxicamente, xustifican a presenza de escandallos en Madrid, para non embarrancar nun lombo de area.

Compartir el artículo

stats