Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Con Martin Codax

José Espinosa Rodríguez (1880-1966) foi un cronista pulcro e fiábel do que el chamou preferentemente Terra de Fragoso e outros chaman Val de Sárdoma ou Lagares. Ou sexa, a bisbarra de Vigo. Ocupouse, alén de xenealoxía, de curiosidades locais e comarcais que, pola súa natureza, poden funcionar coma indicadores históricos de relevancia. Seica unha forte explosión no polvorín do castelo de San Sebastián foi causante do deterioro (se cadra, da ruína) daquela igrexa de Santa María de Vigo en cuxo sagrado ou adro, perto do mar, imaxinamos as danzas das raparigas que pintara con verbas poucas o xenio de Martin Codax. A explosión no castelo ocorriría no ano 1813 e os arqueólogos sitúan, a fábrica do templo afectado, no XIV á vista dun tímpano que dela se conserva no Museo de Pontevedra.

"Imaxinamos as danzas das raparigas que pintara con verbas poucas o xenio de Martin Codax"

decoration

Achandada a vella igrexa de Santa María, en 1816 comezou a construírse a nova e actualmente coñecida como “Colexiata”. Parece evidente que, no século XIII, houbo cántigas de Martin Codax contemporáneas dunha igrexa románica ou tal vez con arquería de ferradura de época sueva, alí onde é o “mar salido”. E, entón, quedarán vestixios desta primitiva igrexa de Santa María de Vigo? O citado Espinosa, a este respecto, dá unha información que podería orientar os investigadores a algunha descoberta importante. Escribe o cronista Espinosa que a fundamentación e pavimento da zona viguesa do Chafariz e da Oliveira que dá acceso, despois de Elduayen, ao Paseo de Afonso foi feita sobre restos e refugo do templo da Santa María de Vigo anterior á fábrica do século XIV. E visto que estes días se anuncian obras municipais naquela zona , é posíbel que os arqueólogos ao cargo atopen algún modillón, capitel, escultura ou fragento de escultura, que nos dea información do templo que presidiu o sagrado de Vigo nos día de Martin Codax.

As trovas do Cantor de Vigo, estudadas de modo maxistral por Celso Ferreira da Cunha, son un idilio no cal aparece o primeiro baño de mar feminino e pracenteiro da arte e literatura europeas, se facemos abstracción das mencións concomitantes do nacemento de Afrodita. O triángulo máxico cuxos vértices son a Ferrería, a rúa de Santiago e a Casa do Barón inmediata á Oliveira, ben pode apagar a nosa sede de antigüidades relativas á poesía galega arcaica na súa relación coa primeira cidade de Galicia. Aproveitamos para recordar que Roman Jakobson, que entre outras cousas foi o teorizador da función poética da linguaxe, produciu un ensaio quente e luminoso sobre as cántigas de Martin Codax, ensaio que Del Riego correu a publicar na revista Grial.

Compartir el artículo

stats