Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

De bolina

Xosé Ramón Pena

Paralelo Ucraína

Como, sen dúbida, coñecen ben todos Vdes., finalizada a Segunda Guerra Mundial nos mares –e terras– do Pacífico, os EE UU e mais a URSS chegaron ao acordo de dividir a península coreana en dúas partes, situando o límite entre ambos territorios no paralelo 38. Ao norte do mesmo, o dominio soviético deu paso a esoutro, aliado, da República Popular Democrática de Corea mentres que no sur os norteamericanos propiciaron, da súa parte, a creación da República de Corea. Se ben que houbo negociacións para tentar chegar a un proceso reunificativo, o certo é que a escalada na tensión foi en aumento. Deste xeito, o 25 de xuño de 1950 as tropas do Norte cruzaron a fronteira e avanzaron veloces, sen atopar unha verdadeira resistencia organizada, ata ocuparen Seúl apenas tres días máis tarde.

Porén, e sempre no contexto da chamada –por veces malchamada– Guerra Fría, Washington decidiu intervir. Logo do desembarco e batalla de Incheon (setembro, 1950), as tropas dos EE UU avanzaron victoriosas, recuperando no só todo o terreo perdido senón que mesmo foron conquistar a maior parte do Norte, achegándose cada vez máis á fronteira chinesa. Semellante perspectiva determinou a participación directa de Pekín no conflicto. Avances e retrocesos por parte dos dous bandos foron seguirse ata que en xullo de 1951 a contenda deu nun estancamento que habería de durar xa deica a asinatura dun armisticio en xullo de 1953. Con máis de tres millóns de mortos polo medio –e coa ameaza do xeneral MacArthur de utilizar armas nucleares contra a China de Mao, proceder polo que foi relevado do mando polo presidente Truman–, a guerra rematou onde comezara: no paralelo 38 e sen que ata o momento se chegase á conclusión dun tratado de paz.

Obxectarán algúns –e talvez leven razón, ao cabo– que as posibles similitudes entre a desputa coreana e mais esoutro enfrontamento que agora mesmo está a acontecer en Ucraína non deveñen máis que iso mesmo: puras e simples coincidencias que en ningún caso permiten establecermos un verdadeiro paralelismo entre as dúas conxunturas. Non obstante, e pola parte que me toca, debo consignar aínda que, malia todas as evidentes diferenzas, coido que si cabe levarmos a termo, con todo, algunha análise comparativa.

Semella ben documentada a vontade de Stalin, en 1950, por botarlle un pulso a Occidente. Tratábase, ademais, dun desafío que alicerzaba no cálculo de seren quen, os seus aliados, de conquistaren axiña toda a península coreana moito antes de que os norteamericanos puidesen reaccionar. En ningún caso considerou o líder soviético ir máis aló: consumada a operación e acadado o obxectivo –demostrar a forza propia e aumentar o prestixio mundial da URSS–, volverían sentar os soviéticos nunha posible mesa de negociación.

"Está a contemplar de veras Washington na hora presente un futuro post-Putin?"

decoration

Pois ben; coido que así mesmo se amosa claro esoutro plan artellado por Vladímir Putin: ocupar rapidamente determinados territorios nos cales operaban/operan forzas separatistas pro-rusas, dentro dun proceso –levado con éxito anteriormente en Crimea– de “restauración” e exaltación dos poderes da “nai” Rusia. Contando, daquela, coa capacidade de sorpresa e tamén coa preguiza na resposta occidental, o Kremlin tampouco buscaba anexarse –polo menos, non agora– o conxunto ucraíno. Antes ben, a pretensión consistía en sentar nunha mesa de negociación e poñer enriba dela, e desde unha posición de forza, as súas demandas: nada de ampliar, daquela, os límites da OTAN e si, polo contrario, axeitar unha sorte de “zona desmilitarizada” que, en todo caso, puidera ser obxectivo, máis ou menos próximo no tempo, dunha crecente presenza político-económica de parte de Moscovo.

Como Stalin en Corea, Putin fracasou no proxecto inicial. Agora mesmo –e na falta dos máis de 500.000 chineses daquela xeira– o que parece intentar, mediante esoutra mobilización de 300.000 novos combatentes, vén ser asegurar as conquistas efectuadas diante dunha posible contraofensiva ucraína sobre as mesmas. Deste xeito, e coa guerra entrada nun impasse, o líder ruso viria “salvar os mobles” diante de propios e alleos na esperanza de que, máis tarde ou máis cedo, se chegue a algunha especie de armisticio ou solución de compromiso. Trasmutado de súpeto nun novo MacArthur, a intimidación atómica semella máis ben unha maneira de entibar convenientemente a súa intención.

Así pois, estaremos, entón, nas portas diso mesmo: ao pé dun impasse? Poida que os deseños occidentais queiran ir, porén, máis aló e propiciaren, como sexa, o solpor do presidente ruso. Agora ben; está a contemplar de veras Washington na hora presente un futuro post-Putin?

Compartir el artículo

stats