Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

1972

Telefonoume Xohana Torres, que daquela vivía no Berbés. Parecía alarmada. Na cidade natal dela, Ferrol, os obreiros ocuparan as rúas. A Policía Armada ametrallara a eito e detivera arreo. Houbo mortos e feridos. Falábase de helicópteros militares a sobrevoar a cidade departamental e dun barco de guerra que patrullaba ao largo da Bazán. En efecto, era o 10 de marzo de 1972 e ocorrían cousas graves en lembranza das cales foi constituído o Día da Clase Obreira Galega.

Os traballadores da Bazán axitábanse motivados por un convenio colectivo que non querían compartir por razóns tácticas de clase. Cando a xente da Bazán se dirixía a solicitar o apoio dos compañeiros de Astano, a Policía Armada de Franco abriu fogo contra a masa en movemento. Daniel Niebla García e Amador Rey Rodríguez morreron por feridas de bala no peito e na cabeza.

"Ondas de repulsa polo crime romperon nas cidades e vilas de Galicia. En Vigo produciuse unha grande resposta"

decoration

Ondas de repulsa polo crime romperon nas cidades e vilas de Galicia. En Vigo, pouco despois da brutalidade, produciuse unha grande resposta. Organización Obreira, escisión do PCE pola esquerda, convocaba nun escrito multicopiado a unha demostración de repulsa do ocorrido en Ferrol e, precisamente, no corazón de Vigo: Porta do Sol. Pesia ás cargas insistentes, a manifestación fíxose e refíxose antes de se disolver horas máis tarde. Producíronse detencións e maus tratos e abriuse un ciclo de loitas obreiras con escenario principal en Vigo. Estas culminaron en Setembro do mesmo ano.

As negociacións colectivas das grandes empresas foran a orixe da folga xeral e mobilización de Vigo. O sindical concreto e o asalto aos ceos da aspiración xenuína do proletariado confundíanse, nas asembleas e nos piquetes que se formaban disciplinadamente en tornafogos dos montes que circundan Vigo, para enfrentarse cada día ás unidades especiais da Policía Armada. A Organización Obreira convivía criticamente co PCE sen lle permitir a este os pasos atrás que lle aconsellaba o eurocomunismo. Novas formacións de esquerda facíanse presentes. O galego adquiría o rango de lingua preferente da clase obreira en Galicia.

Despois de Castrelo de Miño e das loitas campesiñas antimonopolistas, despois da revolta universitaria do 68, o acontecemento de 1972 acabou de fundamentar unha nova fronteira política en Galicia. En Vigo érguense voces que esixen un monumento cívico que faga perdurar os sucesos de 1972 en todos os días do Futuro.

Compartir el artículo

stats