Opinión | Voyager

Ingrávida

Recibo o outono facendo balance de todos concertos que tiven oportunidade de gozar durante este verán, coma Rigoberta Bandini no Vive Nigrán, Love of Lesbian e Sebastian Yatra en Castrelos, Iván Ferreiro no Náutico de San Vicente, Placebo e Suede en Vilar de Mouros, Amaro Ferreiro, Wöyza, Pablo Novoa e Uxía sobre un autobús, no Barbeira Season Fest, Mercedes Peón no anfiteatro de Santa Margarita… Un verán marcado pola música e polos reencontros. Pero se hai un espectáculo no que me gustaría determe é no de Mercedes Peón. “Ingrávida” é o título da súa última xira, onde celebra os vinte anos da saída de “Isue”, o seu primeiro disco en solitario. Estamos falando dunha proposta cen por cen feminina, onde Mercedes xunta sobre o escenario unha vintena de artistas coas que se funde ata conseguir un resultado poliédrico e vibrante. Algunhas das voces que a acompañan son a de Mónica de Nut, Caamaño & Ameixeiras, Icía Varela, Laura Garrido ou Yolanda Allegue, mais hai moitas outras.

Ingrávida

Ingrávida / Ledicia Costas

Co feminismo latexando en cada nota e sempre na vangarda musical e escénica, mais sen soltar xamais o abrazo á tradición, “Ingrávida” é unha especie de calidoscopio onde o asombro sucede coma un acontecemento natural. Mercedes, detrás da mesa onde fai a súa maxia, proxecta unha enerxía poderosa que dirixe cara as artistas que conviven con ela no escenario. O público estoupa. Mentres sucede o espectáculo podes ver presenciar ao teu arredor un diálogo interxeracional. Lin unha entrevista onde Mercedes afirmaba que a xuventude non vai saber quen é ela. Eu vin nenas e mozas de todas as idades bailando e cantando ao seu son. Emocionadas cunha proposta musical ultramoderna. Mercedes Peón é unha alquimista que crea música coas raíces. As das camelias de Soutomaior, da sobreira de Valiñas, do carballo de Santa Margarida, do castiñeiro de Pumbariños, do Freixo de Porta, da Aciñeira de Covas. Pero tamén están as outras raíces, as desas mulleres co puño pegado á pel dunha pandeireta e o corazón latexando no peito e na terra. Unha das cousas que máis me impresionan do discurso de Mercedes Peón é a reivindicación das mulleres da nosa tradición oral. Aquelas que malia compoñer letras e melodías non eran consideradas músicas. Recolleu o legado das mulleres das aldeas e creou toda unha carreira musical sen perder nunca o foco, sempre coas raíces enroscadas arredor dos pulsos, cunha honestidade que está ao alcance de moi poucas.

Mercedes compón, baila, canta, toca a gaita, o legón, fai música electrónica, dirixe un equipo de artistas, sostén un discurso transformador desde o feminismo e desde a reivindicación da diversidade. Ter en Galicia unha creadora desta fondura é un motivo de celebración. Pero se de verdade hai un xeito de homenaxeala é acudindo aos seus concertos. Coreando con ela Isue, Deixaas ou Elas e levando da man as novas xeracións para que non perdan a oportunidade de saber quen é Mercedes Peón: unha revolucionaria.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents