Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Na morte de Godard

Jean-Luc Godard é morto, e nós miramos con moita atención o seu film “Bande á part” (1964) en homenaxe malencónico a un cineasta senlleiro que irrompeu en Francia para mudar o paradigma. Alí, e por indicación de André Gide, descobríranse refachos de alto impresionismo nas novelas de Simenon. Logo, San-Antonio manifestouse e foi hexemónico na “serie noire”, mesmo coma unha bomba de fragmentación iconoclasta. Sen comisarios simpáticos nin pasma corrupta, Godard ofrece en “Bande à part” unha narración picaresca na que todos rouban ou intentan roubar dos grosos francos novos. Inflúe, a distancia, a lucidez de Sartre ao sacar, da tebra ao sol, a figura do escritor Jean Gênet enfouzado nas marxes.

"Godard, en todas as súas películas, revélase coma un todopoderoso director de actores e de actrices"

decoration

Coma Lazarillo, Moll Flanders e Gil Blas de Santillana, o trío protagonista de “Band à part” seduce o espectador facéndolle desexar que os delincuentes se safen do castigo. Toda unha subversión das normas censorias de Hollywood, por tanto. Os membros da banda (dous mozos e unha rapariga) bailan con precisión rítmica (tan cartesiana e escolar) o “swing” que emite a máquina de discos dun café. Moitos, nesta secuencia, sentiránse levados dunha onda de simpatía polos infelices. Ás xentes da miña xeración, forzosamente estouparalles na memoria a bomba real na cafetrería que Costa-Gavras levou á historia cinematográfica de Alxeria. O pano de fondo do filme é un París cinsento onde predominan currunchos abandonados nos que os “pieds noirs” tratan de facer habitabeis as catacumbas da OAS. Sucan o Sena “peniches” que non levan a carga romántica que podería ser consignada por Jean Vigo. Iso si, a literatura, coma no resto de Godard, enchoupa “Band à part” e entrecorta con desafío o curso natural do relato. Unha literatura que contén sátira, anuncia certo lirismo, dispara con balas de paradoxa.

Non se esqueza a ocasión en que Godard se apoiou e Francis James, o cal faría as delicias de tantos devotos como o poeta de Iparralde tivera entre nosoutros. Achegándose a Buñuel, o noso cineasta de hoxe constitúese en practicante feroz dun pos-surrealismo que a todos nos atinxe. Na “Bande à part” que revisitamos brilla, por exemplo, un cruce de disparos a morte que funde o tópico cinematiográfico do duelo no “far west”. Planos e grandes planos xerais gobernan “Bande à part” empequenecendo os corpos das persoas. Pero, na curta distancia do obxectivo, Godard, en todas as súas películas, revélase coma un todopoderoso director de actores e de actrices que incluso chegou a facer bo de Jack Palance e de Eddie Constatine. Resulta memorábel a convivencia criativa de Godard con Anna Karina e J.P. Belmondo. Esta columna lembra, con agradecimento e dor, a figura de Jean Luc-Godard.

Compartir el artículo

stats