Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

De bolina

Xosé Ramón Pena

‘God save history’

Contando sempre coa licenza de todas e de todos os, sempre moi amables, lectores, quixera comezar cunha breve declaración de principios: de principios políticos pero, esencialmente, desoutros de carácter estético-sentimental. Verán; se alguén me viñese preguntar arredor de cal sistema de goberno considero oportuno para as Españas, non teño ningunha dúbida no tocante á resposta (que, doutra parte, penso que non é descoñecida para Vdes.): trátase o tal dunha democracia política e social artellada na forma de república federal (de preferencia, unha república federal ibérica). Mais se o inquerimento se refire agora á Gran Bretaña, hei de admitir que, até o 31 de agosto de 1997, as miñas querencias, e que Lord Oliver Cromwell me saiba perdoar, foron inclinarse máis ben pola causa monárquica. Iso si, reitero: “até o 31 de agosto de 1997”. Nin que dicir ten, tentarei explicarme nas liñas que seguen.

Como quedou dito máis arriba, non teño incertezas no caso español (peninsular): “serenos, alegres,/valientes y osados,/cantemos, soldados,/el himno a la lid”. Ou, vaia, (cantemos) aquilo que mellor lle conveña a esa nova xeira. As razóns da escolla? Pois como así mesmo xa ficou exposto, a presente columna quere transitar non tanto polos roteiros da política como por aqueloutros da estética. Xa que logo, o meu republicanismo nesta circunstancia alicerza, firme, nun episodio incontestable: os xeitos da monarquía española resultan no meu percibir decididamente insulsos, desaboridos…, apagados. E ben sei que han de obxectar algúns e algunhas que se trata, a nosa, dunha forma que aposta arreo pola sobriedade, polo comedimento e mais a circunspección. Pero, logroño!, non somos Bélxica, Dinamarca ou, moito menos, Luxemburgo –dito/escrito vaia con todos os respectos para eles–, senón os herdeiros dun imperio no cal “nunca se poñía o sol!”. Retrucarán apoloxetas que foi todo o solemne do mundo, mais a xornada da proclamación do actual soberano nin sequera se promulgou festiva para que todos os cidadáns puidésemos contemplar as imaxes por tv e brindar logo con familiares e amigos. En fin, carentes de pompas e oropeis, non atopo neles, nos nosos modais, calquera auténtico glamour pero tampouco o recendo da substancia popular. Expresado en castizo dos Madriles, acontece que aquí non hai “ni chicha ni limoná”.

Beatles, Rolling Stones e un moi longo etc. Whisky e gin tonic. As minisaias. O fútbol. Os carros deportivos (a ser posible, Aston Martin). As películas de James Bond e mais as series históricas de tv. As novelas de John Le Carré e Graham Greene. As mil e unha excentricidades simpáticas. Harry Potter, as cabinas telefónicas e os autobuses de dous pisos… Os monárquicos británicos, os voceiros de Buckingham Palace, souberon vender arreo, e tanto que si!, que a Súa Graciosa Maxestade Elizabeth II viña resultar a argamasa, o condimento, o morteiro…, o melting pot indispensable onde todo o que devezamos procedente do UK cadraba nunha senlleira epifanía feliz. Trouping the Colour por The Mall adiante coa banda da Household Cavalry en desfile dacabalo: velaí o maná para propios e alleos.

"Como afinou sir Elton, Diana viña ser inequívoca e senlleira 'England's rose'"

decoration

“Até o 31 de agosto de 1997”. De acordo con aquilo que sentenzaba esoutra inmorredoira Queen, ‘The show must go on’. Porén, algo foi que se quebrou nos corazóns aquel día terrible de hai agora vinte e cinco veráns, camiño das saudades de setembro. E dito/escrito está que o perdón configura un atributo dos fortes, mais… como podermos esquecer a memoria de Diana sen caer na vileza? Como consentirmos o triunfo da ignonimia? Como aceptarmos, daquela, a Camila empoleirada no trono de St. James sen tremer tan sequera co arreguizo? Porque ela, a princesa do pobo, veu ser xusto así, como tan de xeito foi afinar sir Elton John: a inequívoca e senlleira “England’s rose”, alumeando as nosas noites como unha máxica candea a desafiar os ventos. En fin, como mantermos a nosa fe monárquica en semellante tesitura?

Carlos III? Que queren Vdes. que lles diga/escriba? De certo que todos e todas coñecemos algún brandy de maior categoría. Go save the king? God save history!

Compartir el artículo

stats