Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

As memorias ocultas

Ourense posúe un excelente Museo Arqueolóxico Provincial que, desde hai demasiados anos, non pode ser visitado por el se encontrar en “estado de obras”. Sobre os fondos e coleccións deste museo móvense as sombras amabilísimas de axentes culturais que, naquela cidade episcopal, floriron na segunda metade do século XIX e en todo o XX.

As orixes do Museo Arqueolóxico de Ourense afondan moi abaixo. Tanto que, entre os seus rostros petruciais, destacan os de Marcelo Macías e Arturo Vázquez Núñez sempre a teimaren da benemérita Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos. O vello instituto de Ourense, que compartiu con outras entidades o seu espléndido predio, recibiu na posguerra civil Xesús Ferro Couselo como profesor numerario. Este catedrático republicano e cursillista de 1936 acumulaba, nos anos cincuenta da centuria pasada, o posto de arquiveiro da Deputación. Grazas á insistencia de don Xesús, entre outros factores, as autoridades da época resolveron instalar o Museo Arqueolóxico na inmensidade do pazo auriense que, nos pasados anos cincuenta, deixaba de ser episcopal e pasaba ao dominio público.

" O pobo seguirá sen poder instruírse coas coleccións valiosísimas do Museo Arqueolóxico de Ourense"

decoration

Recórdome moi ben dunha miña visita ao Museo, xa aberto ao pobo, na compaña dun fato de rapaces interesados pola Historia. Recibiunos o director, Ferro Couselo, que demorou moito nunha exposición sobre os achádegos que, en Santa Mariña de Augas Santas, acababa de facer o enxeñeiro e erudito Francisco Conde-Valvís. Ferro, coa súa sinxeleza erudita, logrou suscitar a nosa curiosidade sobre dous motivos presentes nos vestixios da “cidade de Armea”: as svásticas e as “têtes coupées” ou cabezas humanas cortadas e reproducidas en pedra.

Tamén chamou a nosa atención sobre a lauda sepulcral dun home de armas ao servizo do abade de Celanova en cuxo epitafio era louvado en versos monorrimos coma estes: “Aqui jaz Joan Feyjõo escudeiro / bon fidalgo e verdadeiro / grand caçador e monteyro.” Cito de memoria e podo estar deturpando o texto involuntariamente. Era aquela a primeira vez que eu entraba no antigo pazo do bispo e unha reminiscencia espectral aletexaba por salóns e corredores facéndonos acordantes de relatos do tempo dos suevos. Estivo en Ourense o ministro español de Cultura estes días atrás e dixo que as obras do Museo Arqueolóxico aínda non estaban para finalizar. O pobo seguirá sen poder instruírse coas coleccións valiosísimas do Museo e co discurso histórico centrado en Galicia que construíron en Ourense varias xeracións de sabios bos e xenerosos.

Compartir el artículo

stats