Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

O inverno do Gran Apagón

O inverno do Gran Apagón Ledicia Costas

O acontecemento máis extremo que marcou o inicio do século XXI foron os atentados do 11S, perpetrados por Al Qaeda hai vinte e un anos. Dezanove homes secuestraron catro avións comerciais estadounidenses. O primeiro impacto sufriuno a Torre Norte do World Trade Centre. Eran as 8:46 da mañá. Toda a tripulación do avión faleceu no acto. Nun primeiro momento deuse por feito que se trataba dun accidente e non dun ataque terrorista. Mentres o presidente George W. Bush era informado, xa fora secuestrado outro voo. A Policía comeza a evacuación das Torres Xemelgas sen apenas marxe de manobra. Quince minutos despois do primeiro impacto, estrélase contra a Torre Sur o segundo avión, que voaba a 950 km/h. Ás 9:06, o nome de Bin Laden xa soaba nos medios de comunicación coma posible sospeitoso dos atentados. O terceiro avión impactou contra o Pentágono. A Casa Branca e o Congreso foron evacuados, pecharon as bolsas de Estados Unidos, o Presidente ordenou que aterrasen no aeroporto máis próximo todos os avións e a Torre Sur derrubouse en apenas 10 segundos sumida nunha inmensa nube de po gris, deixando unha imaxe que nos quedou gravada para sempre. A Torre Norte, que levaba ardendo 102 minutos, foi a seguinte en esfarelarse. O cuarto avión secuestrado impacta en Pensilvania, en campo aberto, aínda que agora sabemos que o plan inicial era facelo colidir contra o Capitolio. Considerado o maior ataque terrorista na historia de EEUU, no 11S perderon a vida 2996 persoas.

O dous de maio de 2011, Barack Obama anuncia nunha comparecencia pública que Osama Bin Laden, líder de Al Qaeda, morrera como consecuencia dunha operación militar en Abbottabad, unha localidade paquistaní. Cinco días despois tamén acaban coa vida de Al Zawahiri, sucesor de Bin Ladem e considerado un dos ideólogos do ataque terrorista do 11S, un home de 71 anos que levaba unha década oculto nun lugar descoñecido entre as montañas de Afganistán e Paquistán. Nos anos seguintes o terrorismo converteuse na principal ameaza mundial e mudaron as estratexias de seguridade nacional de EEUU. O goberno anunciou que podía levar a cabo operacións militares en contra de actores non estatais, coma era o caso de Al Qaeda. Estas intervencións non estiveron exentas de críticas.

Vinte e un anos despois do 11S existen no mundo decenas de conflitos e estamos nun momento de grande incerteza en Europa pola Guerra de Ucraína. Esta mesma semana, o voceiro do goberno de Vladimir Putin anunciou que o subministro de gas estará pechado ata que a UE e o Reino Unido retiren as sancións económicas a Rusia, impostas tras a invasión de Ucraína. O Kremlin escúdase en que as sancións vixentes impiden reparar a avaría das instalacións do gasoduto Nord Stream. Un pulso á Unión Europea, sendo como é Europa dependente dos hidrocarburos procedentes de Rusia. Mentres isto sucede, distintos gobernos aproban paquetes de medidas para reducir o consumo enerxético, que inclúen apagar a iluminación en lugares públicos ou rebaixar a temperatura da calefacción. Todo apunta a que o inverno de 2022 será o inverno do Grande Apagón.

Compartir el artículo

stats